Unha foto do 1935 na romaría de Santa María da Castañeda

Do blogue “O pé da porta” obtivemos esta fotografía de Mariano Marina de Pablo.

Reproducimos tamén a descripción que o fotógrafo fixo da imaxen e unha pequena nota biográfica del.

Así describe o cronista a imaxen:

Saímos de Melide e pouco despois atopámonos na estrada cun grupo de xentes que bailan. Celébrase a romaría de Santa María de Castañeda. Santa María de Castañeda é unha parroquia que pertence ao Concello de Arzúa. Nun raso adornado con follaxe e con papeis de cores, debaixo dunhas árbores, bailan ó son dunha banda de músicos, subidos nun pequeno palco. O público parece que está dividido: por unha banda abundan as mulleres e pola outra os homes. Bailan as parellas, como en tódalas cidades, o pasodobre con certas connotacións do charlestón ianqui. De cando en cando, para respectar a cor local, a música toca unha muiñeira, que no baile non se diferencia moito da xota ou do fandango. Cerca dos bailaríns aparecen uns frades gordos e ben alimentados. Dinnos que son pasionistas. Levan unhas placas brancas no hábito. Están alí, sen dúbida para dar o visto bo á festa. Deixamos a romaría, avanzamos rapidamente e unha hora despois ollamos ao lonxe as torres de Santiago de Compostela.

Mariano Marina de Pablo (San Esteban de Gormaz, Soria, 1911-Madrid, 1984)
Comezou a colaborar no xornal Ahora ( Madrid 1930 – 1939 ) en xullo de 1932, e posteriormente na revista Estampa ( Madrid 1928-1938 ) desde xaneiro de 1933 até xullo do 1936. Foi membro da Unión de Informadores Gráficos de Prensa e traballou para a axencia Contreras y Vilaseca xunto a Almazán y Yusti. Durante a guerra civil estivo nas frontes de Andalucía e Extremadura e ilustrou as crónicas de Jesús Izcaray para o diario Ahora sobre a fronte de Madrid, a Cidade Universitaria, os bombardeos nocturnos e os incendios en Madrid. Entre as súas reportaxes en Ahora destaca o asalto o Alcázar de Toledo (26 de xullo de 1936). Estivo en activo até o final da guerra, sendo descoñecida a súa traxectoria posterior.

|Bloque “O pé da porta”

Deixar unha resposta