Nas páxinas 51 e 52 do libro “Valores naturais do Camiño de Santiago no Concello de Arzúa”, editado polo Concello de Arzúa en xaneiro de 2011 e escrito por Mª del Carmen López Marcos e Carlos Iglesias Ramos (ISBN 9788469401095), recollense, como anexo, tres listas de topónimos explicados. Reproducimos esa lista:
TOPONIMA DO CAMIÑO DE SANTIAGO ( ARZÚA)
PEROXA: topónimo de orixe incerta, aparece como perogia nun texto do s. X. As explicacións que máis se manexan son dúas: Lat. Petrosa < petrosus, -a, -um: pedregoso, rochoso; ou de petrosa, -orum: lugares rochosos, pedregosos, penedos. Lat. Parochia, ae: centro de aprovisionamento nas calzadas romanas onde o parochus, -i: era o provedor, comisario dos maxistrados romanos nas súas viaxes.
BOENTE: Pola terminación en -NTE é doado sospeitar que se trata dun xenitivo dun nome persoal. É un topónimo con orixe nun “nome de posesor”. Existe o topónimo Buínte, no Concello de Oleiros, e o de Benavoente na freguesía de Sequeira, en Braga, todos coa mesma orixe (este último de Benavolentius). Segundo Joseph M. Piel proveñen dun hipotético *Volentius, nome que ao parecer non foi documentado pero que pode inferirse do xentilicio Volentilius, si existente. O nome *Volentius estaría ligado co participio volens-volentis, de velle querer. (Volentius < (xen.) [Villa] Volentii < Volentii < (caída do l intervocálico e labialización do v inicial pola vocal o, evolución da terminación ii en e) Boente)
CASTAÑEDA: lat. Castanea, -ae: castiñeiro ou castaña + o sufixo abundancial -etam > -eda. Lugar onde abundan os castiñeiros.
POMARIÑO: lat. tardío pomarem < lat. clás. pomum, -i: froita, árbore froiteira + suf. diminutivo -iño. Pomar, horta con árbores froiteiras.
PEDRIDO: lat. petra, -ae: rocha, penedo + suf. abundancial -etum > -edo / -ido.
RIBADISO: lat. ripa, -ae: ribeira, beira + Isso. Segundo Celso Alberte Magariños Costas foi o nome co que, ao parecer, designaron este río Agripa e os xeógrafos da legio IV Macedonica, cuxos veteranos estiveran asentados en Pella, capital de Macedonia, por orde de Augusto, e que participaron na conquista do noroeste peninsular e posterior construción da VIA XIX, que ía desde Bracara Augusta (Braga) ata Asturica Augusta (Astorga). Isso simbolizaba a vitoria sobre o mundo oriental por ser o lugar onde Alexandre Magno venceu no ano 333 a. C. o rei persa Darío III.
AS BARROSAS: do prerromano *barro: arxila, que pode proceder de *bar-r: rocha + o sufixo colectivizante -osas.
CORTOBE: este topónimo presenta a terminación -be (-bre, -ve < -bris) que procede da lexema celta *briga que significa poboado fortificado en altura, castro. Trátase probablemente dun topónimo de orixe sueva ou visigoda.
PEREIRIÑA / PEREIRIÑOS: propóñense dúas posibilidades, a máis probable é a primeira: Lat. tardío pirariam < lat. clásico pirus, -i (f.): pereira. Parece ser a orixe da maioría destes topónimos. Poden ser variantes de Pedreira e Pedreiro e provir do latín petrarium, -i: canteira de pedra (petra, -ae). Orónimos que fan referencia a sitios máis ou menos elevados e pedregosos.
CALZADA: lat. vulgar via calceata: vía empedrada < calceatus, -a, -um p. perfecto do verbo calceare: pisar, comprimir < lat. clás. calceus, -i = calzado, zapato.
TOPÓNIMOS ARZUÁS DE ORIXE ROMANA
Pela. De Pella (Macedonia)
Iso. De Ysso (antiga Turquía)
Ribadiso. Significa; enriba, na beira do Iso
Calzada (Burres). De calzada romana (VIA XIX)
León (Oíns). De legio (lexión)
Vilar. De villae, aldea pequena, lugar. Conxunto de terras de labradío.
Vilasuso. A segunda parte suso provén do latín sursum, arriba, no alto. Significaba pequena aldea no alto.
Suso. Igual orixe que a anterior.
Viso, O. Provén do latín visu, ver, contemplar.
TOPÓNIMOS ARZUÁS DE ORIXE CELTA
Pantiñobre. Terminado en -bre procede da forma celta brix, que significa poboado fortificado en altura (castro).
Baiobre. Igual que o anterior.
Cortobe. O seu sufixo tamén parece proceder de brix.
Maroxo. De Marus, Maro nome propio de persoa de orixe celta. Evolucionou do Mar+óg+ium latinizado ao Marogio medieval ata o Maroxo actual.
Burres. Do celta bur-r, Buro, Burro, tamén nome propio referido á divindade solar; o gran vermello (o sol), os romanos latinízano como burrus rubio, vermello. Da mesma raíz, temos o castelo de Burriac en Cabrera (Barcelona) ou Burey e Bury, en Francia.
Dombodán. De Dominus Bódanus, outro nome latinizado que significa o Deus Bodán: Dominus, señor, amo, Deus. Bódanus, o deus guerreiro xermánico Wotán, Bodán, Odín.
Fonte: Mª del Carmen López Marcos e Carlos Iglesias Ramos, “Valores naturais do Camiño de Santiago no Concello de Arzúa”, Concello de Arzúa, xaneiro de 2011, ISBN 9788469401095, páxs. 51-52.

