Reproducimos en arzua.net un artigo do número “0 e pico” da revista arzuanía que sairá cando lle conveña.
O noso CSD ven de pechar unha espectacular tempada deportiva, pero fai cen anos xa corría o balón por outros campos. O Alfonso XII FC é un dos distintos equipos que precederon ó CSD Arzúa. Non existe constancia fotográfica deste equipo de fútbol, pero atopamos unha crónica periodística que cruzou o Atlántico e non era para menos. Esta é a historia, incompleta, dun partido de fútbol que comezou a xogarse o domingo 29 de agosto de 1926 e que foi suspendido na segunda metade.


Sobre estas liñas unha composición libre do diario dese día. O “Atlante” de Maside que ilustraba a portada de EL PUEBLO GALLEGO, parécenos do más apropiado. Debaixo, á esquerda, crónica do semanario galego-arxentino El Heraldo Gallego.
A suspensión do partido tivo a súa trascendencia. Tanta que o 17 de outubro dese mesmo ano publicábase na Arxentina o sucedido en Curtis. Tentouse difundir nas chamadas redes sociais a iniciativa de xogar os vinte minutos restantes. As redes sociais son tema complexo e promover unha iniciativa dese tipo require dominio da materia. Fracaso total. O texto “divulgado” por ese medio non creo nin que o leera o que nos axudou a subilo. Un dos textos publicado nesas RRSS decía así:
A crónica publicada polo semanario galego-arxentino EL HERALDO GALLEGO é unha copia case literal da publicada previamente no periódico EL PUEBLO GALLEGO o día 3 de setembro de 1926. Da lectura desta nova crónica localizada, dedúcese que o accidentado partido xogado entre o Racing Club de Curtis e o Alfonso XII FC de Arzúa comezou a xogarse o domingo 29 de agosto de 1926. Suspendeuse con resultado de dous a un no minuto setenta, pero fáltanlle vinte minutos nos que pode pasar de todo…¡Este partido háino que xogar! – ¿Xogámolo?

Fíxose ata un cartel promocional e avanzouse no deseño de camisolas para cada equipo. Os patróns dabaixo conformarían unha camisola retro arlequinada para o Alfonso XII FC. A idea detívose porque o noso CSD, afortunadamente, proclamouse campión da liga 2025/26 e “perdeu” a final da LVIII Copa do Sar contra a SD Negreira. Demasiados frentes que abordar por parte dos xogadores, da directiva e do corpo técnico e pouco tempo dispoñible a tal fin.




A proposta, básicamente, consistía en xogar o partido máis longo da historia do fútbol. Que as distintas categorías do CCD Curtis e do CSD Arzúa, como herdeiros dese vestixio, xogasen partidos de vinte minutos entre as distintas categorías comúns: infantís, xuvenís, feminino e veteranos. Esos partidos comezarían co resultado de 0-0. Pero, por suposto, o partido de verdade sería reanudar con 2-1 o non rematado no 1926.



O vindeiro 29 de agosto de 2026 conforma a cifra redonda de 100 anos de duración dun partido de fútbol. Unha proposta que non atopou sitio no esixente calendario competitivo. Aquí queda a lembranza dunha crónica que cruzou o Atlántico. Curtis e Arzúa teñen dous equipos de fútbol que, curiosamente, foron fundados no 1967. Polo tanto cumpren o seu 60 aniversario no vindeiro ano…
Mentras se compoñían estas páxinas chegou un esperanzador raio de luz en forma de chamada telefónica. Nada máis alentador para este partido de fútbol que recibir un raio de luz. Máis aínda si esa luz procedía de Curtis, pero finalmente non foi posible coordinar en tan pouco tempo todo o necesario para desputar esos trepidantes vinte minutos. Pero aquí nos queda esta historia, incompleta, que nos deixa os deseños das camisolas, dos escudos, dos balóns e a proposta dun trofeo feito con intelixencia artificial a partir dese atlante do maxistral Maside. Como xa se dixo, no vindeiro 1927 os dous clubes máis representativos de Curtis e de Arzúa cumpren 60 anos dende a súa fundación. Ese 29 de agosto, curiosamente, será domingo. Tarde de fútbol. O partido dos 101 anos agarda por un raio de luz.

RACING CLUB vs ALFONSO XII FC — CCD CURTIS vs CSD ARZÚA (1926-2026)
