Unha multa con algo de “exceso”

Arzúa e rica en “contos”, transmitidos de xeito oral, e seguramente verídicos ou cunha base certa. Non son doados de datar, nin están moitos recollidos, pero todos forman parte do patrimonio inmaterial dos arzuáns e merecen ser preservados. A continuación reproduzo literalmente un atopado en internet por alguén que firma como “O Perello” e a quen lle debemos agradecer que preservara para todos uns poucos de estes “contos”. Dateino no, 1960, pero ben podería ser de dez anos antes (ou despois). Calquera contribución sobre esta ou outra historia de Arzúa será benvida no enderezo info (arroba) arzua.net:

Hai nos baixos da casa do concello dous portelos a ambolosdous lados da porta principal, que dan acceso ó oco por donde se descolgan as pesas do reloxio. Aínda cando eu era un rapaz, adoitaban estar abertas. Os cativos íamos alí con esa mistura de curiosidade e medo que impoñían aquelas enormes espadas de Damocles. Pero o seu interior tamen era alivio para vexigas apuradas de xente de paso por ese lugar.
E aquí arranca o conto de hoxe. Un bo día, un veciño dunha parroquia deste concello (creo recordar que S. Martiño de Calvos), estaba regando no serrín que cubría o solo de un deses ocos co que lle sobraba no corpo, cando foi sorprendido in fraganti por un garda municipal. Éste, decidiu escarmentar ó infractor e espetoulle unha multa por “horinar en los bajos del ayuntamiento” e un importe dunhas 15 pesetas que daquela era algo así como 30 euros de agora.
O pobre do veciño, subiu ás oficinas do xulgado, que se atopaban arriba, do lado que da á calle do Norte buscando a Victoriano, a quen coñecía, coa esperanza de que lle aforrase as 15 pesetas. E chegado xunto del, díxolle si habería maneira de quitarlle a multa ou, se non toda, alomenos “quitarlle algo”. Victoriano mirou o papeliño da multa e coa súa sorna habitual, contestoulle: “Como non lle quite a H a horinar…”

|Copiado do blog Contos de Arzúa

Deixar unha resposta