O deputado polo distrito de Arzúa Benito Sánchez Freire

Nas eleccións do 8 de marzo de 1871 no distrito de Arzúa había 7.712 persoas con dereito a voto (sufraxio universal masculino). Votaron 5.782 electores (o 75% do censo) dos cales 5.780 (o 99,96%) elixiron a Benito Sánchez Freire. Foi deputado ata o 24 de xaneiro de 1872.

O número 32 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses – Museo Terra de Melide, publicado en 2019 inclúe o artigo “Deputados a Cortes polo Distrito de Arzúa (1846-1923)”, firmado por Armando F. Cascón Rodríguez e Fernando Suárez Golán. A continuación reproducimos o apartado de dito artigo adicado a Benito Sánchez Freire:

As eleccións xerais de 1871 foron as primeiras do breve reinado de Amadeo I, unha vez aprobada a Constitución de 1869. Celebradas o 8 de marzo baixo sufraxio universal, deron lugar a un congreso dominado pola Coalición Progresista-Liberal, se ben entre a oposición destacaban os deputados republicanos federalistas e os englobados na Comunión Católico-Monárquica liderada por Cándido Nocedal. Precisamente nesta última se integraba o deputado do Distrito de Arzúa, Benito Sánchez Freire. Fillo primoxénito dos señores do pazo de Golmar, na freguesía de San Andrés de Roade, do concello de Sobrado dos Monxes, nacera o 4 de maio de 1821 e casara con Elisa Varela, herdeira do pazo de Furelos, en Melide. A súa familia estaba emparentada co cóengo ilustrado Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, e, sobre todo, era próxima á causa do carlismo que, como ten demostrado Xosé Ramón Barreiro, enraizou especialmente no triángulo formado por Sobrado, Melide e Arzúa, precisamente porque aquí era apoiado polas clase dirixentes, curas e fidalgos como Benito Sánchez Freire.

En calquera caso, a experiencia política de Sánchez Freire, como en xeral dos seus compañeiros carlistas, foi inútil, de maneira que nin participou nas sesións nin se volveu presentar, pois xa dende 1872 o carlismo optou por cambiar de estratexia e iniciar a loita armada.

Deixar unha resposta