A lenda de San Xoan de Navas nun calendario do Concello

Do calendario editado polo Concello de Arzúa no 2012 obtemos esta lenda relativa a capela de San Xoán de Navas, pertencente á parroquia de Pantiñobre:

LENDA DE SAN XOÁN DE NAVAS

Hai unha tradición moi viva na parroquia de Pantiñobre que pon a orixe deste santuario en 1804. Foi construído por orde dunha pastora de Bustelo que perdera o seu rabaño de ovellas no medio dunha grande treboada de lóstregos e sarabia. E fixo promesa que se atopaba o rabaño levantaría unha capela na honra de San Xoán Bautista. Atopou o rabaño e alí onde o atopou mandou construír a capela.

Unha variante desta lenda di que a pastora foi sorprendida por unha fortísima tempestade e implorou a protección de San Xoán Bautista. Ocorreu, entón, que as ovellas acubilláronse o seu redor e alí onde elas estaban non caía nin choiva nin sarabia nin lóstrego. Cando a tempostade remitiu a pastora veu que todas as ovellas estaban con ela e, a pesar da moita choiva e sarabia que caera, estaban enxoitas de todo. Foi, entón, cando mandou construir, naquel mesmo lugar, a capela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará