O proxecto de ampliación da igrexa parroquial de Santiago de Arzúa en 1950

Cando colleu forma a iniciativa de acometer as obras de ampliación da igrexa parroquial de Santiago de Arzúa exercía de alcalde en D. Jesús Costoya Ponte, nomeado no 1948 e que exerceu no cargo ata o ano 1958, sendo precedido por D. Juan Rodríguez Paredes e sucedido por D. Jaime Fraiz Fernández1.

En outubro de 1950 a Comisión que estaba ao fronte desta nova iniciativa, difunde entre os seus ferigreses un pequeno díptico co propósito de recaudar fondos cos que poder acometer as obras de ampliación. Como simple curiosidade, decir que a Comisión estaba formada íntegramente por homes e presidida por unha muller. Contrariamente, as Asociacións Relixiosas estaban representadas íntegramente por mulleres e presidida por un home. Un deses exemplares do díptico que conservo con mimo, foi un agasallo que me fixo o cura Castro (D. Manuel Castro García).

Nese díptico reprodúcese na primeira páxina unha perspectiva do proxecto de ampliación que se pretendía acometer, no seu interior fáise unha pequena exposición de motivo e publícase a relación das personas que conforman a Comisión e as Asociacións Relixioxas que promoven o proxecto, e na útima páxina reprodúcese unha perspectiva da igrexa existinte nese momento.

A pouco que ún se fixe na proposta gráfica de 1950 e a compare co efectivamente construído, percibirá notables diferenzas volumétricas entre proxecto e realidade. Respetouse o campaeiro que no ano 1829 constrúeu o mestre de Pantiñobre, D. Ramón Santos Verea2. Non sucedendo o mesmo coa cruz que coroaba a cabeceira da igrexa, visible nos dous debuxos do díptico.

Facendo unha comparativa entre as dúas perspectivas reproducidas no díptico, percíbense outros cambios significativos ademáis dos volumétricos. Nos dous debuxos pode verse que a igrexa aséntase sobre un zócalo que corrixe o desnivel da rúa do Carme e o da propia praza con esa mesma rúa. Unha fotografía do ano 1946 realizada con motivo da inauguración da sucursal arzuá da Caja de Ahorros-Monte de Piedad de La Coruña3, e recollida no libro “Arzúa na memoria” así o reflexa: o acceso dende a rúa do Carme á Praza de España facíase subindo unha pequena rampa ou salvando os catro chanzos da escaleira que daban acceso ás vivendas.

Hoxe en día, para acceder á actual Praza de Galicia dende a rúa do Carme hai que salvar os cinco ou seis chanzos que ten esa escaleira. Cinco chanzos si se sube polo lateral da igrexa, e seis de acceder polo lateral das fachadas de vivendas. Esto quere decir que a nova igrexa elevouse, a través dun recheo, sobre os alicerces da igrexa anterior. Nas pedras que conforman a escaleira actual de acceso á Praza de Galicia pode apreciarse que foran labradas para outro uso distinto, o que fai pensar que ben poideran proceder da vella igrexa e/ou do que foi o Convento de Santa María Magdalena.

Esa pequena diferenza de cota supuxo unha recíproca elevación do solo da Praza e que afectou ás vivendas existintes e, posteriormente, repercuteu na adxacente rúa do Carme, na rúa das Dores, rúa do Calexo, Cima do Lugar e na actual rúa de Neira Vilas. Quedan evidencias visibles nalgunhas edificacións desas rúas citadas.

Neste mesmo blog de arzua.net publicouse unha fotografía4 que se encabeza co texto “Praza de Galiza e Rúa Neira Vilas polos anos 50”. Ademáis da fantástica fotografía recollida por Armando F. Cascón Rodríguez, inclúese unha superposición de imaxes realizada por Uxío Vaamonde que axuda a entender a nova ubicación do campaeiro da igrexa parroquial. A foto, eso sí, móstranos a nova igrexa coa súa cuberta de tella; polo que esa imaxe, como se verá, é posterior a 1956.

No libro “Arquitecturas da provincia da Coruña” (Volume XVIII), ao que xa se fixo referencia bibliográfica, afírmase literalmente que a parroquial actual foi edificada no lugar que ocupaba anteriormente unha igrexa de menores dimensións, que por resultar insuficiente e encontrarse en estado ruinoso, foi destruída. O deterioro do templo parroquial tiña que ser evidente, as dúas guerras civís soportadas polo templo, forzosamente tiveron que afectar á súa estrutura.

O día 29 de maio de 1956, o diario compostelán “La Noche” publica unha interesante reportaxe adicada á celebración das festas do Corpus Christi de Arzúa5. No detalle do programa pódese leer que a verbena váise celebrar na Plaza Nueva. Feito que confirma que o proxecto de ampliación e o expediente de expropiación iniciado en 1903 estaba rematado6. O cura párroco nese ano de 1950 era D. José Simón Caamaño Fernández, quen publicou un artículo no referido diario anunciando que ya están levantadas las paredes de la nueva iglesia parroquial. Da súa lectura dedúcese que a vontade de construir o novo templo no mesmo lugar do anterior artellouse no mes de setembro de 1948. O párroco fai alusión ao deterioro do templo pero encabeza o seu texto decindo: La necesidad de una nueva iglesia parroquial en la progresiva villa, era aspiración secular. Desde principios de siglo, unos bloques de cantería estaban indicando que se procuró remediar la necesidad; pero el Señor no quiso que su casa se alejase de la arteria principal de la villa, a fin de no enfriarse la sólida piedad arzuana. O día 16 de xullo de 1957, cumpríndose o prognosticado polo cura párroco, inaugurouse oficialmente a nova igresa parroquial7.

Esta iniciativa de 1948/1950, polo tanto, fíxose tamén en detrimento doutro proxecto anterior, no que se pretendía construir a igrexa parroquial de Santiago de Arzúa nun terreo da rúa do Convento. Como curiosidade histórica, estaría ben saber cómo era o proxecto do templo que non chegou a materializarse. Pero dende o punto de vista urbanístico, a idea de prolongar a rúa do Convento era xa daquela unha visión futurista para a vila. Aínda hoxe parece unha audaz iniciativa abrir vías que conecten a vila coa autovía Santiago-Lugo. Prolongar a rúa do Convento levaríanos directamente á igrexa de San Pedro de Lema, polo que serviría ademáis para materializar o expresado no vello carimbo que se estampaba nas credenciais dos peregríns a Compostela: “Parroquia de Santiago de Arzúa y unido Lema8”.

  1. WIKIPEDIA. Alcaldes de Arzúa: https://gl.wikipedia.org/wiki/Categor í a:Alcaldes_de_Arz ú a ↩︎
  2. ARQUITECTURAS DA PROVINCIA DA CORUÑA (Vol. XVIII) – José Ramón Soraluce Blond e Xosé Fernández Fernandez – Páxina 56, edición 2010. ↩︎
  3. ARZÚA NA MEMORIA, ESPELLO HISTÓRICO DUNHA TERRA – Armando F. Cascón Rodríguez – Páxina 139, primeira edición. ↩︎
  4. ARZUA.NET – PRAZA DE GALIZA E RÚA NEIRA VILAS POLOS ANOS 50 –
    https://www.arzua.net/1950/01/01/praza-de-galiza-e-rua-neira-vilas-polos-anos-50/ ↩︎
  5. LA NOCHE – Ano XXXVII – Número 10.985 – Páxinas 3 e 4 – Santiago de Compostela, 29 de maio de 1956. ↩︎
  6. ARZUA.NET – AMPLIACIÓN DA PRAZA DA VILA EN 1903 – https://www.arzua.net/1903/10/31/ampliacion-dapraza-da-vila-en-1903/ ↩︎
  7. ARZÚA NA MEMORIA, ESPELLO HISTÓRICO DUNHA TERRA – Armando F. Cascón Rodríguez – Páxina 155, primeira edición. ↩︎
  8. LOSSELLOSDELCAMINO.COM – PARROQUIA DE SANTIAGO DE ARZÚA Y UNIDO LEMA –
    https://www.lossellosdelcamino.com/index.php/listados-de-sellos-y-colaboradores/comunidad-de-colaboradores/item/
    parroquia-de-santiago-de-arzua-y-unido-lema-copy-copy
    ↩︎

José Fociños de Valenzuela, deputado a cortes polo distrito de Arzúa en 1872

En decembro do 2019 publicouse o artigo “Deputados a Cortes polo Distrito de Arzúa (1846-1923) no número 32 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses – Museo Terra de Melide . Os autores foron Armando F. Cascón Rodríguez e Fernando Suárez Golán. Un destes deputados foi José Fociños de Valenzuela, elexido o 24 de agosto de 1872 con 3.921 votos de 5.619 emitidos (sobre 8.549 electores). O que di o artigo deste deputado é o seguinte:

A inestabilidade do reinado de Amadeo I levou á convocatoria de novas eleccións, as terceiras no prazo de pouco máis dun ano, que se celebraron en agosto de 1872 baixo sufraxio universal masculino. Foron elixidos 391 deputados ao Congreso, máis os de Cuba e Puertorico, a maioría ligados ao Partido Radical de Manuel Ruiz Zorrilla. Polo Distrito de Arzúa resultou elixido, co 58 por cento dos votos emitidos, José Fociños de Valenzuela, do que pouco ou nada sabemos. Segundo Barreiro Fernández probablemente fose natural de Lalín e repetiu como deputado polo Distrito de Arzúa na seguinte lexislatura, 1873-1874. Sen embargo, de acordo coa Serie de Documentación Electoral do Arquivo Histórico do Congreso, José Fociños só foi deputado entre o 21 de setembro de 1872 e o 22 de marzo de 1873. Nas eleccións a Cortes Constituíntes de maio de 1873 sería elixido polo Distrito de Arzúa Mariano Rojas López.

Era militar de carreira, xa que no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, do 19 de xaneiro de 1863 firma un anuncio como Teniente Coronel Comandante do batallón provincial de Monterrei e na “Guía de forasteros en Madrid para el año de 1864” aparece como Teniente Coronel graduado.

No artigo de 2019 “Os Zárate do Marquesado de Montesacro” escrito por Carlos de la Peña e publicado en Estudios de Genealogía, Heráldica y Nobiliaria de Galicia, nº 15 (páxinas 215-247) podemos atopar algo máis de información sobre este deputado:

D. Ulrico era fillo de D. José Cayetano Gabriel María Fociños de Valenzuela, cabaleiro de S. Fernando e S. Ermenxildo, tenente coronel de Infantaría, nacido e bautizado en S. Tirso de Manduas (Silleda) o 24.5.1815, (viúvo de Dª. María del Carmen Mateu de Roda de Godoy, coa que casara en S. Bartolomé de Pontevedra o 8.4.1843 e da que enviuvara en Pamplona no 8.6.1846), casado en segundas nupcias na parroquia castrense de Almería o 23.12.1851 e velado na súa catedral o 14.2.1852 con Dª. María de la Encarnación Eduvigis Bordalonga y Ros .

As películas proxectadas no “Cine Arzúa” da Empresa Fuentes nos anos 1955 e 1956

Según lemos no libro de Armando Cascón “Arzúa na memoria, espello histórico dunha terra” (Deputación da Coruña, 2005, ISBN 84-9812-018-7) José Fuentes Colmeiro inaugurou o Cine Arzúa o 19 de marzo de 1954 coa proxección da película “El Judas”. O operario era Alfonso Vázquez e o proxector xa estaba adaptado ao sistema Cinemascope.

Imaxe da porta do cine publicada en Arzúa na memoria, páxina 148

Grazas a que Juan do Serrano (Juan Rodríguez Cascón) gardaba as entradas cando ia o cine, aos seus 21 anos, anotando polo reverso a data, a película que botaban e algún detalle máis (NO-DO que se emitía, festas que se celebraban…) contamos hoxe cunha lista de 65 películas proxectadas no “Cine Arzúa”, da “Empresa Fuentes”, situado na Avenida de Lugo 17, xunto coa “Cafetería Cuki”.

Cabe destacar que, o reverso da entrada para ver “El hombre en las tinieblas”, temos unha evidencia da primeira etapa da Festa dos Botes.

O 16 de outubro de 1955 celebrouse a moi arzuá Festa dos Botes, según anotou Juan

Aquí vai a lista de 65 das películas que se viron en Arzúa naqueles tempos. Grazas a súa filla Belén por compartila con arzua.net.

  • 29/05/1955, Lola la piconera, 11:00
  • 02/06/1955, Sucedió en la 5ª avenida, 10:30
  • 05/06/1955, Dos tipos de cuidado, 8:30
  • 08/06/1955, La hermana San sulpicio, 6:30
  • 10/06/1955, Gloria Mairena, 11:00, Festas Corpus
  • 16/06/1955, Mil ojos tiene la noche, 10:30
  • 19/06/1955, El alcalde de Zalamea, 8:30
  • 22/06/1955, El bombero atómico, 16:00
  • 29/06/1955, Mentira latente, 11:00
  • 26/06/1955, Diez Valientes, 8:30, San Payo
  • 03/07/1955, De mujer a mujer, 11:00
  • 08/07/1955, Amor maldito, 11:00
  • 10/07/1955, Don Juan, 11:00
  • 12/07/1955, No basta ser charro, 11:00, Pro Festas do Carme
  • 18/07/1955, Los ojos dejan huellas, 8:30, Festa do Carme
Os arzuáns que foron ao cine viron “Los ojos dejan huellas” no Carme de 1955
  • 22/07/1955, Fuego en la sangre, 11:00
  • 24/07/1955, Bienvenido Mister Marshall, 8:30
  • 02/07/1955, Cita a las 11, 11:00, estropeouse a máquina o domingo
  • 08/08/1955, Los hijos de nadie, 11:00, non houbo luz o domingo
  • 14/07/1955, El padre de la novia, 8:30
  • 21/08/1955, El padre es abuelo, 8:30
  • 28/08/1955, Spartaco, 8:30
  • 04/09/1955, La isla del tesoro, 11:30, No-do 634 A
Dous fotogramas do No-Do emitido en Arzúa o 04/09/1955
  • 08/09/1955, Tarzán y la cazadora, 11:00
  • 18/09/1955, Él y su enemiga, 8:30, No-Do 636 A
  • 25/09/1955, El pescador de coplas, 11:00, No-do 637 A
  • 02/10/1955, Corea hora 0, 8:30, No-do 633 A
  • 08/10/1955, Androcles y el león, 11:10, Fonte Santa
  • 16/10/1955, El hombre en las tinieblas, 8:30, Festa dos botes, nodo 640 A
  • 23/10/1955, El hijo de Robin de los bosques, 11:00, No-do 641 A
  • 28/10/1955, Buenos días señor elefante, 10:30
  • 01/11/1955, Faldas a Bordo, 7:00, No-do 642
  • 06/09/1955, Drama en presidio, 7:00, No-do 643-A
  • 08/11/1955, Los sobrinos del zorro, 6:00, No-do 643-A
  • 13/11/1955, Esposa último modelo, 11:00, No-do 644
  • 20/11/1955, Marihuana, 10:00, No-do 465
  • 22/11/1955, La ilusión rota, 10:00
  • 24/09/1955, Asi es Madrid, 7:00, Nodo 641-A
  • 04/12/1955, Huyendo de sí mismo, 10:00
  • 08/12/1955, Casado y con dos suegras, 10:00
  • 11/12/1955, Cantar y no llorar, 7:00, Nodo 648-A
  • 18/12/1955, La leyenda de Genoveva, 7:00, Nodo 649-A
“La leyenda de Genoveva”, proxectada co No-Do 649-A o 18/12/1955
  • 25/12/1955, Mister Dening Asesino, 10:00, Nodo 650-A
  • 01/01/1956, Reclutas, 7:00, Nodo 651-A
  • 06/01/1956, Vuelven de la guerra, 7:00, Nodo 652-A
  • 08/01/1956, Garú – Garú, 10:00, Nodo 652-A
  • 15/01/1956, Carrusel napolitano, 7:00, Nodo 653-A
  • 22/01/1956, Aeropuerto, 10:00, Nodo 654-A
  • 29/01/1956, La pareja invisible, 10:00, Nodo 655-A
  • 02/02/1956, El diamante del Maharaja, 10:00 Candeas
  • 05/02/1956, Aventuras del Barbero de Sevilla, 10:00, Nodo 656-A
  • 08/02/1956, Una noche en el tabarín, 10:00
  • 12/02/1956, Los últimos días de Pompeya, 7:00, Antroido Nodo 657 -A
  • 14/02/1956, Especialista en señoras, 10:00, Nodo 657-A
  • 19/02/1956, Gitana tenias que ser, 7:00, Nodo 658-A
  • 22/02/1956, La estocada de Lagardere, 10:00, Modo 658-A
  • 26/02/1956, Reportaje, 10:15, Nodo 659
  • 01/03/1956, Ua mujer sin cabeza, 10:00
  • 04/03/1956, Un día perdido, 8:00
  • 08/03/1956, Ana, 10:00, Nodo 661-A
  • 11/03/1956, La carabela de la ilusión, 10:30
  • 18/03/1956, La señora de Fátima, 8:00
  • 22/03/1956, Gran hotel (Cantinflas), 4:00
  • 29/05/1960, La ronda del diamante, 11:00, Nodo 881-B
  • 19/05/1960, Más allá del sacrificio, 11:00

Fernando Calderón Collantes, deputado por Arzúa, marqués e ministro de xustiza

No número 32 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses – Museo Terra de Melide (2019) pubicouse o artigo “Deputados a Cortes polo Distrito de Arzúa (1846-1923)”, obra de Armando F. Cascón Rodríguez e Fernando Suárez Golán. Un deses deputados foi don Fernando Calderón Collantes, elexido polo distrito de Arzúa en abril de 1872, con 6.729 dos 6.732 emitidos. Esto é o que di o artigo:

A división do Partido Progresista provocou a convocatoria das segundas eleccións celebradas durante o breve reinado de Amadeo I, o 3 de abril de 1872, que gañaron os conservadores, en coalición cos progresistas liderados por Práxedes Mateo Sagasta. Polo Distrito de Arzúa resultou elixido Fernando Calderón Collantes, a quen o rei Alfonso XII había de concederlle o título de Marqués de Reinosa, vila onde nacera o 21 de febreiro de 1811. Pese a non ser galego de nacemento, a súa formación política realizouna toda ela en Galicia, á que representou en numerosas ocasións, xa que o seu pai, Manuel Santiago Calderón, deputado durante o Trienio Liberal, pasou a vivir na cidade da Coruña ao rematar a súa breve e fracasada experiencia política.

Fernando Calderón foi elixido deputado por algunha das circunscricións ou distritos electorais da provincia da Coruña, segundo a lei electoral vixente, de xeito case ininterrompido dende 1843 ata 1871, ano no que pasou ao Senado. En 1872 regresou ao Congreso dos Deputados, representando ao Distrito de Arzúa durante a segunda lexislatura. Dende 1870 identificábase co Partido Conservador, se ben inicialmente militara no Partido Moderado e dende 1858 pertencera á Unión Liberal de O’Donnell, quen o nomeou por primeira vez Ministro de Gracia e Xustiza en 1865. Máis tarde, xa durante a Restauración e militando no Partido Conservador de Cánovas del Castillo, volvería a ser ministro de Gracia e Xustiza en 1875, ministro de Estado entre 1875 e 1877 e, de novo, de Gracia e Xustiza entre 1877 e 1879.

Antes do seu paso á alta política, o perfil desenvolto por Fernando Calderón en Galicia foi, en certo modo, tanxencialmente oposto ao de Benito Sánchez Freire, quen o precedeu inmediatamente na representación do Distrito de Arzúa no Congreso dos Deputados. Fronte á fidelidade carlista de Sánchez Freire, Calderón Collantes caracterizouse por un liberalismo consecuente que se materializou, de feito, na persecución das partidas carlistas como xefe da Milicia Nacional de Ribadeo e, logo do seu nomeamento en 1838, como xuíz de Vigo.

O deputado polo distrito de Arzúa Benito Sánchez Freire

Nas eleccións do 8 de marzo de 1871 no distrito de Arzúa había 7.712 persoas con dereito a voto (sufraxio universal masculino). Votaron 5.782 electores (o 75% do censo) dos cales 5.780 (o 99,96%) elixiron a Benito Sánchez Freire. Foi deputado ata o 24 de xaneiro de 1872.

O número 32 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses – Museo Terra de Melide, publicado en 2019 inclúe o artigo “Deputados a Cortes polo Distrito de Arzúa (1846-1923)”, firmado por Armando F. Cascón Rodríguez e Fernando Suárez Golán. A continuación reproducimos o apartado de dito artigo adicado a Benito Sánchez Freire:

As eleccións xerais de 1871 foron as primeiras do breve reinado de Amadeo I, unha vez aprobada a Constitución de 1869. Celebradas o 8 de marzo baixo sufraxio universal, deron lugar a un congreso dominado pola Coalición Progresista-Liberal, se ben entre a oposición destacaban os deputados republicanos federalistas e os englobados na Comunión Católico-Monárquica liderada por Cándido Nocedal. Precisamente nesta última se integraba o deputado do Distrito de Arzúa, Benito Sánchez Freire. Fillo primoxénito dos señores do pazo de Golmar, na freguesía de San Andrés de Roade, do concello de Sobrado dos Monxes, nacera o 4 de maio de 1821 e casara con Elisa Varela, herdeira do pazo de Furelos, en Melide. A súa familia estaba emparentada co cóengo ilustrado Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, e, sobre todo, era próxima á causa do carlismo que, como ten demostrado Xosé Ramón Barreiro, enraizou especialmente no triángulo formado por Sobrado, Melide e Arzúa, precisamente porque aquí era apoiado polas clase dirixentes, curas e fidalgos como Benito Sánchez Freire.

En calquera caso, a experiencia política de Sánchez Freire, como en xeral dos seus compañeiros carlistas, foi inútil, de maneira que nin participou nas sesións nin se volveu presentar, pois xa dende 1872 o carlismo optou por cambiar de estratexia e iniciar a loita armada.

O académico de Burres que da nome a unha rúa en Chantada

Manuel Formoso Lamas é un dos arzuáns senlleiros que recopilou Armando Cascón Rodríguez na súa obra Arzúa na memoria: espello histórico dunha terra. A él, adícalle este texto:

Naceu na parroquia de Burres. Estudou en Mondoñedo e, posteriormente, conseguíu o título de profesor de Escola Normal. Exerceu como mestre nacional, primeiro en Pontedeume e máis tarde en Chantada e Albacete. formoso Lamas foi Cabaleiro da Real e Distinguida Orde de Isabel a Católica. Publicou, entre outros, os seguintes libros: Sistema métrico teórico práctico decimal, e apuntes para a Historia de Chantada. Para o primeiro dos libros citados, gravou nunha táboa de buxo as figuras de pesas e medidas. O Concello de Chantada dedicoulle unha rúa en recoñecemento á segunda das obras citadas. Formoso Lamas foi membro correspondente da Real Academia Galega dende o ano 1905. Faleceu en Almansa.

| Un século de ausencia de Manuel Formoso Lamas, artigo de Roi Fernández e Francisco albo publicado no xornal La Voz de Galicia o 18 de xuño de 2013
|Artigos de Manuel Formoso Lamas na hemeroteca da Real Academia Galega

O deputado a cortes por Arzúa, Jacobo Andrés García

O 10 de maio de 1851 houbo eleccións a Cortes, e en Arzúa enfrentaronse Jacobo Andrés García e José Joaquín Barreiro Ferro (deputado do distrito dende 1846). Rexía daquela un sistema de sufraxio censitario, polo que unicamente podían votar 239 persoas en todo o distrito. Acudiron a votar 178, dos cales 134 votaron a Jacobo Andrés García, que foi deputado ata que perdeu o 4 de febreiro de 1853 contra José Joaquín Barreiro. No número 32 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses – Museo Terra de Melide, publicouse o artigo “Deputados a Cortes polo Distrito de Arzúa (1846-1923), obra de Armando F. Cascón Rodríguez e Fernando Suárez Golán, e no apartado adicado o deputado que nos ocupa hoxe pódese ler:

En xaneiro de 1851 formouse o gabinete presidido por Bravo Murillo, que se propoñía deixar a un lado a política para centrarse na legalidade e a economía. Sen embargo, a oposición que atopou no Congreso obrigouno a disolver as Cortes e convocar eleccións para o 10 de maio, nas que os progresistas decidiron tomar parte activa. Polo Distrito de Arzúa resultou elixido Jacobo de Andrés García, avogado compostelán, quen interrompía así, de xeito momentáneo, a carreira política de José Joaquín Barreiro, quen fora elixido nas dúas contendas anteriores e que volvería de novo ao Congreso en 1853, como queda dito.

Jacobo de Andrés era doutor en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e, segundo Barreiro Fernández, na propaganda electoral apareceu como catedrático desta mesma universidade, se ben probablemente o fose da de Madrid, cidade na que residía dende 1829. A de 1851 foi a súa primeira lexislatura no Congreso, no cal apenas tivo participación algunha. Repetiría en 1857, xa polo Distrito de Carballo.

Praza de Galiza e Rua Neira Vilas polos anos 50

Polo palco na praza da vila sabemos que esta imaxe é anterior o ano 1965, podería ser da décado dos anos 50. O edificio que actualmente ocupa a esquina de Rúa de Lugo con Rua Ramón Franco ainda non estaba construído.

Superposición co aspecto que ten actualmente

|Montaxe da foto antiga sobre a actualidade por Uxío Vaamonde

|Foto antiga obtida do facebook de Armando Rodríguez Cascón

Ricardo Cob, xefe de telégrafos de Arzúa represaliado no 1936

Ricardo Cob Laguardia chegou en marzo de 1928 a Arzúa, para poñerse ao frente dunha estación telegráfica que levaba tempo clausurada, tal e como recolleu o xornal “El Ideal Gallego” do 29 de marzo dese ano:

Arzúa foi o seu primeiro destino logo de aprobar as oposicións, e unha vez na vila fixo de dinamizador cultural, promovendo representacións teatrais, veladas e outras actividades. Xa unhos anos antes de chegar a Arzúa, estando en Carballo, representou o monólogo “Un cuento inmoral” (El Correo de Galicia, de 25 de marzo de 1923, páxina 7). Un exemplo da súa actividade no teatro, xa na nosa vila, atopámolo neste recorte de prensa de “La Voz de Galicia” de 24 de xaneiro de 1936.

A militancia comunista de Ricardo Cob era publicamente coñecida, así que, como represalia, as novas autoridades fascistas trasladárono a Castro Caldelas o 21 de agosto de 1936 (número 120 do Boletín Oficial de Provincia de León). Foi acusado de tratar de dificultar dende o seu posto de traballo a difusión das consignas militares e das transmisións telegráficas emitidas polos rebeldes. Logo de Castro Caldelas foi trasladado a Maceda onde finou aos 65 anos.

|Ficha de Ricardo Cob en nomes e voces

|Bibliografía consultada:
|Arzúa na memoria. Espello histórico dunha terra, de Armando F. Cascón Rodríguez, ISBN 8498120187, páxina 62
|Unha nova ollada a represión franquista en Galicia: motivación e extracción social dos represores. O caso de Arzúa, de Daniel Lanero Taboas, SEMATA, Ciencias Sociais e Humanidades, ISSN 1137-9669, 2007, vol. 19, páxina 237

José Joaquín Barreiro Ferro, primeiro deputado por Arzúa

Na segunda metade do século XIX e a principios do XX, o Distrito de Arzúa estivo representado no Congreso dos Deputados. No mes de nadal do ano 2019 publicouse o número 32 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses – Museo Terra de Melide, que contiña o artigo “Deputados a Cortes polo Distrito de Arzúa (1846-1923), obra de Armando F. Cascón Rodríguez e Fernando Suárez Golán. A continuación reproducimos o apartado adicado dentro do mencionado artigo a don José Joaquín Barreiro Ferro, o primeiro en representar nas Cortes ás terras de Arzúa.

As eleccións do 6 de decembro de 1846 foron as primeiras nas que se aplicou a elección de deputados por distritos uninominais. Emporiso, a lei electoral de 1846 configuraba tamén un verdadeiro réxime oligárquico ao establecer un sufraxio censitario moi restrinxido que limitaba o corpo electoral a 97.000 varóns, por suposto, maiores de 25 anos, o que supoñía tan só o 0,8 por cento do total da poboación española. Deste xeito, o distrito electoral de Arzúa, formado polos partidos xudiciais de Ordes e Arzúa, non sumaba máis que 243 electores, dos que votaron 173, é dicir, o 71 por cento do censo; todos eles optaron pola candidatura de José Joaquín Barreiro Ferro.

José Joaquín Barreiro naceu, segundo os nosos datos, o 24 de xuño de 1818 no pazo de Vieite, en Boimorto, se ben outros autores o fan nacer en Santiago en 1814. Procedía polos dous costados da fidalguía rural galega. Polo pai, Fernando María Barreiro Moscoso, proviña da casa dos Barreiro de Arca, O Pino; pola súa nai, Juana Ferro Baleato, entroncaba coa Casa Grande de Castrofeito. Estaba, por conseguinte, moi vencellado ao Distrito de Arzúa polo que foi elixido deputado nas eleccións de en 1846, 1848 (parcial), 1850, 1853, 1857, 1858 (xerais e parciais), 1863 e 1864. Sempre obtivo a totalidade dos sufraxios emitidos, excepto en 1853 e 1864 cando lle faltaron un e dous votos, respectivamente.

Casou dúas veces, a primeira delas con María Luisa Taboada, filla dos Señores de Tor, o que consolidou a súa posición entre a fidalguía e a aristocracia galega. En segundas nupcias casou con Alejandra de la Riva, o que posibilitou a súa aproximación á alta burocracia compostelá. A boa posición dentro da sociedade galega e as redes familiares tecidas nos seus dous matrimonios seguramente contribuíran á súa primeira elección como deputado a Cortes cando só contaba con arredor de trinta anos. Así e todo, a pesares da á súa xuventude, Barreiro Ferro formou parte da liña máis conservadora da política dende un primeiro momento, o que manifestou fundamentalmente a través do voto, pois as súas intervencións na vida parlamentaria do largo período durante o que foi deputado foron practicamente inexistentes. Na súa primeira lexislatura, entre 1846 e 1850, cunhas eleccións parciais polo medio en 1848, formou parte de dúas comisións de etiqueta, pero non falou en ningunha sesión. Consta, en cambio, que estivo ausente en numerosas ocasións. Saíu elixido de novo para a lexislatura de 1850 a 1851, pero tampouco participou nas sesións; pola contra, participou en tres comisións, aínda que de escasa relevancia: na creada para recibir e despedir á raíña Isabel II na sesión de apertura das Cortes, na comisión de peticións e na formada para a reelección de Baltasar Anduaga. Cos seus votos, en cambio, apoiou durante estas dúas lexislaturas todas as mocións presentadas polos conservadores que significaban a defensa da unidade católica e do Romano Pontífice, defendendo en particular a expedición a Italia en 1849 en apoio do papa Pío IX.

Nas eleccións de 1851 foi derrotado por Jacobo de Andrés, pero volveu ser elixido en 1853 nunhas eleccións cun número de electores aínda máis restrinxido e nas que recibiu 65 dos 66 sufraxios emitidos. Así e todo, a súa acta foi declarada grave e non chegou a ser aprobada antes de rematada a lexislatura. As eleccións de 1854 realizáronse por circunscricións provinciais, polo que Barreiro Ferro estivo ausente das Cortes ata 1857. Entón recuperou a acta polo Distrito de Arzúa, nas eleccións do 25 de marzo, coa totalidade dos sufraxios emitidos ao seu favor. O 27 de marzo renunciou ao cargo, pode que por enfermidade, xa que consta que o estivo, ou ben por incompatibilidade co posto de xerente do Banco da Coruña. Non obstante, un mes despois, foi reelixido na elección parcial do 25 de abril de 1858, e de novo nas xerais do 11 de outubro do mesmo ano. Nesta última lexislatura formou parte dunha comisión que debía informar sobre certas pensións de viuvez e, na lexislatura de 1861-1862, da comisión de contestación á Coroa, que aínda que era importante só funcionaba a comezos de lexislatura, e tamén na que debía informar sobre certas pensións de viuvez. Volveu a ser reelixido en 1863 e mantívose como deputado nesa lexislatura e na seguinte de 1864, tempo no que formou parte da comisión que debía tratar sobre a prórroga para o remate do ferrocarril a Santiago de Compostela ao porto de Carril. Foi esta á única das comisións nas que participou que tivo certa relevancia e unha relación directa con Galicia; así e todo, é seguro que fóra das Cortes exerceu con habilidade a función tutelar dos veciños do seu distrito, o que explicaría porqué o mantiveron durante un período tan dilatado, e con escasas interrupcións, non só como o seu representante no Congreso senon tamén como deputado provincial, que o foi entre 1844 e 1847 e de novo dende 1856 ata 1863. De feito, en outubro deste último ano, publicáronse unhas Décimas celebrando a súa reeleción para o Congreso dos Deputados polo Distrito de Arzúa e gabando as súas virtudes.

A lexislatura de 1864 a 1865 foi a primeira, e tamén a única, na que interveu activamente nas sesións do Congreso: o 10 de xaneiro de 1865 preguntou ao ministro da Gobernación sobre a elección dun conselleiro supernumerario na Deputación Provincial da Coruña contraria ao artigo 53 da lei para o goberno das provincias; o 7 de febreiro volveu a tentar interpelar ao Ministro da Gobernación, pero foi privado da palabra polo presidente do Congreso; na sesión do día 10 do mesmo mes presentou as exposicións da vila de Melide, o concello de Santiso e o partido xudicial de Arzúa contra o anticipo forzoso de 600 millóns de pesetas que o ministro de Facenda propuxera ás Cortes para facer fronte á elevada débeda; por último, o 14 de febreiro preguntou, de novo ao ministro da Gobernación, polo nomeamento como alcalde e tenente de alcalde en dous concellos do Distrito de Arzúa de individuos procesados criminalmente e condenados á prisión antes das eleccións, obtendo por única resposta a dilación da mesma. Dende 1865 estivo fóra do Congreso, ata que foi reelixido en 1869 nunhas eleccións realizadas 228 en base a circunscricións provinciais, nas cales, segundo sinala X. R. Barreiro, concorría nunha candidatura católico-monárquica, formada por carlistas e neocatólicos.

Ademais da representación do Distrito de Arzúa no Congreso dos Deputados, José Joaquín Barreiro Ferro obtivo ao longo da súa vida unha chea de destinos e servizos especiais, algúns deles magnificamente remunerados: vocal do Consello Provincial da Coruña, secretario do Goberno Político da Coruña, en 1848; inspector de Correos e Postais, entre 1859 e 1854; xerente do Banco de Santiago, en 1856; comisario rexio do Banco da Coruña, en 1858; gobernador ou xefe político da provincia da Coruña, en 1865. Tamén recibiu honores e condecoracións como a Cruz da Real e Distinguida Orde Española de Carlos III en 1844, o nomeamento de secretario honorario da raíña Isabel II, e o título de comendador de número da Real Orde de Isabel a Católica, entre outras. Foi, ademais, socio fundador do Colectivo Circo de Arzúa en 1859.

Finou en Madrid o 6 de xuño de 1870.