O queixo de Arzúa na guía Galicia en Comarcas: Arzúa e Melide
Na edición feita en 2005 por La Voz de Galicia da guía “Galicia en Comarcas Arzúa e Melide” (ISBN 8476805527) adícanse as páxinas 36 e 37 ao Queixo de Arzúa. Nesta guía figura como editor e director Bieito Ledo Cabido. A continuación reproducimos o texto íntegro:
O Queixo de Arzúa
Toda a bisbarra de Arzúa, terra de gran riqueza gandeira, caracterizouse dende sempre, polas súas queixerías, onde se elabora un dos produtos máis apreciados do agro galego, o queixo con Denominación de Orixe, o Arzúa-Ulloa. Esta actividade gandeira deu lugar a unha tradición artesanal que tivo unha gran presenza nas terras de Arzúa.
A marca Queixo Arzúa-Ulloa, constituída como Produto Galego de Calidade en 1989 e recoñecida como Denominación de Orixe en 1995 e 1997, engloba unha importante produción nas terras de Arzúa e nas comarcas limítrofes.
“Brando e cremoso, elaborado co mellor leite de Galicia”, é a frase que define este produto. Dentro da elaboración dos queixos, aparecen tres variedades ben diferenciadas. A primeira delas é o Arzúa-Ulloa característico, elaborado con leite pasteurizado, cun período de maduración mínimo de seis días e un peso medio que oscila entre os 0,5 e os 3,5 kg.
O queixo Arzúa-Ulloa de granxa diferénciase do anterior en que se elabora con leite cru ou pasteurizado que pertence á propia explotación.
Finalmente, o Arzúa-Ulloa curado require un período de maduración de polo menos catro meses e cun peso inferior, nunca supera os 2,5 kg.
Son queixos graxos, brandos, de característica codia fina e amarela, sabor lixeiramente salgado e algo ácido. Os curados son máis duros, con codia amarela máis escura e un sabor salgado e con algo de picor. Presentan un sabor característico a manteiga e certos aromas a vainilla, noz e nata. En calquera caso, o seu sabor é inconfundible.
Un produto tan destacado non pode estar exento dunha festa de exaltación característica. Trátase da Festa do Queixo de Arzúa, que en 2005 celebrou a súa trixésima edición. Este lácteo é o claro protagonista do evento, amenizado ademais polas numerosas manifestacións culturais e de ocio da vila, así como de xornadas técnicas para os profesionais do sector.