O inventor Leite e a súa “lucha” na fonte da praza

Don Ramón Leite era o propietario de “Recauchutados Leite”, un negocio situado no baixo do antigo Rexistro da Propiedade (actual Rúa Santiago número 42), no que empregaba unha máquina da súa invención para reparar os pinchazos dos coches, que funcionaba cunhas planchas que daban calor e derretían o neumático. Pero está máquina que reparaba pinchazos, non foi o único invento deste veciño de Arzúa que vivía nas casas de Valiño: tamén inventou unha máquina para limpar verquidos no mar que el mesmo foi probar a Vigo, e traballou nun motor de auga por electrólise que quixo adaptar ao seu Seat 800 (inicialmente branco, pero que logo pintou de azul clariño), este coche modificado por Ramón Leite non tiña tubo de escape, so unha reixa de aireación no lado dereito e era o que o propio Leite usaba para desprazarse.

Este home era pequeno, coxo, e sempre falaba castelán. Se algunha vez se pasaba bebendo, recuperábase durmindo no chan da actual Rúa Fonte.

Pois nunha noite de esmorga, na que se xuntaron varios borrachos na praza de Arzúa, unhos cantos colleron ao noso inventor e metérono na fonte que veu a ocupar o lugar do palco na praza, e Ignacio ou Nasiño, o criado de Ramonciño, natural da Serra de Outes, mentres miraba para Ramón Leite, mollado de pes a cabeza, dicía como falando para si “Lúchate carallo, lúchate. Xa te ían a luchar na casa”.

Casualidades da vida, parece ser que esa fonte que houbo na praza, tiña un sistema feito coa caixa de cambios dunha vespa que facía ir cambiando os chorros, ideado entre varios arzuáns e no que contribuíu Don Ramón Leite co seu enxeño, antes de ser remollado nela.

Este peculiar inventor rematou os seus días en Santiago, na casa da súa filla.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará