Os que pagaron o chiculate

No número 487 da publicación “Vida Gallega: ilustración regional” publicado o 10 de xuño de 1931, na sección “Contos d’o Turreiro” Avelino Rodríguez Elías recolle un conto escrito en galego, que non ten desperdicio:

Co monopolio dos trasportes mecánicos por carreteira acabaronse as competencias, hastra qu, o Goberno da Repúbrica ordenou de darlle unha volta, consentindo outra vez as loitas an’tras empresas pra ben do púbrico.

Por maís qu’o púbrico ven ser, no fin de contas, quen paga os vidros esnaquizados.

¿Que non? Pois ehi vos vai unha historia antiga.

Foi polos derradeiros anos do século pasado, na´quil tempo das delixencias, que non sei por qué ll’habían chamar así, pois a verdá é que non había cousa menos delixente.

Dende Santiago hastra Lugo faguía servizo unha delixencia d’isas, e como non tiña quen lle fora a man, cobraba por viaxeiro e maís por bulto o que lle da’ba gana.

A empresa gañaba diñeiro coma terra.

Maís non hai cousa que desperte a cobiza d’uns com’as ganancias d’outros, e á empresa do conto logo lle saleu un competidor.

Foi éste outra empresa que puxo unha delíxencia na mesma liña.

A empresa vella coidou que ll’iba ser fácil arredar do seu camiño a empresa nova, y-encomenzou por rebaixal-os prezos.

A empresa nova fix’o mesmo.

A vella tornou a rebaixar.

A nova inda puxo os prezos maís de rastro. Pol-las vistas tiña cartos d’abondo para mantel’a competencia.

Chegou a vella a pol-o asento a dous reas e os bultos a rial.

Mais á nova non ll’importou: puxo o asento a rial e os bultos de valde.

A vella levou cada viaxeiro por un cadelo.

A nova, compretamente gratis.

Coma non era pusibre rebaixar máis, a vella tornou a faguelo-o mesmo.

D’aquela a nova xa non lle abondou leval-os viaxeiros de valde, senón que enriba. inda lles deu chiculate, cando chegaban a Arzúa.

A vella tivo que dar chicolate con bizcoitos, pra non quedar por debaixo.

Xa non quedaba máis que faguer.

Destonces os da empresa nova foron ver ós da vella, e dixeronlle:
– Xa viron vostedes que nós non estamos dispostos a non nos deixar vencer.
– Nosoutros tampouco – responderos os contrarios,
– Máis isto non debe seguir, porque’estamos faguendo o primo tanto vostedes como nosoutros.
– Iso nin que decir ten.
– Pois logo debíamos enterdernos.
-Alá vostedes.
-¿Mais vostedes estarían dispostos a chegar a un entendemento?
-Según.
-Axuntando as duas empresas.
-Pensarémol-o
-Pois pénseno.

Vaia se o pensaron, porque a cousa ben merecía que botasen contas.

Total, que s’axuntaron as duas empresas, puxeron os prezos que lles deu a gana; e os que tiveron que coller dimpois aquílas delixencias, non soyo pagaron o asento, senón tamen o chiculate e mail-os bizcoitos qu’engoliran os viaxeiros anteriores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará