A historia de Arzúa na idade media no CD “Arzúa interactiva”

Os alumnos do curso do Plan FIP 2006 “Deseño de programas para a formación a distancia coas novas tecnoloxías” do INTE (Instituto de Novas Técnicas do Ensino de Santiago de Compostela) realizaron un CD titulado “Arzúa Interactiva” que contén información sobre a Historia, o Patrimonio e a Gastronomía de Arzúa.

A parte de “Historia” consta dunha introducción e tres capítulos (historia medieval, historia moderna, séculos XIX e XX).

A continuación transcribimos a introducción e o apartado de historia medieval.

Introdución. Os primeiros asentamentos

A historia de Arzúa vai intimamente vinculada ó camiño de Santiago. Así o demostra o seu escudo: sarcófago, estrela e vieiras.

Con anterioridade existen unha serie de poboamentos que reflicten non só a presenza romana neste espazo xeográfico -caso da calzada de Burres ou da ponte de Ribadiso pola que pasaba a Vía 19 dos romanos cara a Astorga, así como varias minas de extracción de minerais en varias parroquias- senón en períodos anteriores.

Así o período de Bronce, está representado pola aparición de cerámica no lugar de Pazos, na parroquia de S. Pedro de Mella. O Neolítico en Arzúa está disperso por moitísimas parroquias do termo municipal -San Estevo de Campo, Viladavil, Dodro, etc.- debido a proliferación de túmulos ou xacementos funerarios deste período.

Este tipo de asentamentos con maior presencia en Arzúa é sen lugar a dúbidas o Castrexo. Este tipo de poboamentos -ó igual que acontene cos túmulos do Neolítico- exténdese por múltitude de parroquias do concello.

Este tipo de xacementos arqueolóxicos -túmulos, asentamentos, minas- non presentan un bo estado de conservación, cando menos superficialmente, consecuencia de diversas intervencións humanas, xa sexa por concentración parcelaria, labores agrícolas, repoboación forestal, etc.

A constatación dun pasado poboacional anterior á medieval queda constatado pola escritura gregas e romana -Ptolomeo coa súa Xeografía e Plinio O Vello na súa Historia Natural- no que se identifica con Arzúa a vila galaica de Araduca ou os Cáporos como pobo que se asentaba nas proximidades do Ulla. A Toponimia pode axudarnos a constatar os primeiros poboamentos no espazo xeográfico da actual Arzúa.

HISTORIA MEDIEVAL
Capítulo primeiro

Barreiro Somoza en “El señorío de la Iglesia de Santiago de Compostela (siglos IX y XIII)” sitúa na segunda metade do século XII a incorporación de Arzúa como burgo de dominio xurisdiccional do señorío de Santiago.

A vinculación de Arzúa co camiño de Santiago queda patente cos libros de viaxes dos pelegríns na Idade Media, xa sexa o máis coñecido -é decir o Códice Calixtino- ou outros como por exemplo o Libro do Pelegrín de Aymeric Picaud, no que se cita lugares do territorio arzuán.

Polo tanto Arzúa, como burgo integrado no señorío xurisdiccional da Mitra compostelana, tiña que ceder o nomeamento de certos cargos públicos -un xuiz e un notario- así como pagar diferentes rendas señoriais, sexan por titularidade do señorío, sexa por ter concedido ó ámbito xurisdiccional, etc.

Por exemplo, os habitantes tiñan que pagar polo chamado “servicio” -pago ó arcebispo cando éste se desprazaba a Castela ou Roma e frecuentaba a ruta xacobea, é decir, entre elas Arzúa -un odre de viño, sesenta panes unha perna de vaca. Polo carácter xurisdiccional do termo municipal arzúan, os infractores da lei deberían pagar as penas de carácter pecuniario, cargas que variaban segundo o lugar ou segundo a infracción. Finamente polas transaccións comerciais, a entrada e a saída, o señorío catedralicio cobra unha importante cantidade en metálico.

En canto a cargos públicos, o arcebispo nombraba a un xuíz e un notario da vila, ademáis de dúas xustizas (alcaldes) presentados polo concello e nomeados pola mitra compostelana (semella que falta o mordomo, o igual que acontece en Noia). Este nomeamento, segundo Barreiro Somoza, inscríbese na transposición ós Burgos do réxime administrativo da cidade de Compostela para homoxeneización do señorío, así como tamén, o freo á creación de “fueros” cada vez con máis liberdades.

As adquisicións de tipo territorial do arcebispado de Santiago e a súa importancia na comarca de Arzúa é outro punto a destacar.

Os casais eran unidades de explotación agraria na que irían diferentes bens: casas, hortas, parcelas, prados, etc. Temos constancia de que este tipo de adquisicións non se fan dun xeito aleatorio, senón que responde a uns certos intereses do señorío do Arcebispado de Santiago.

A inclusión de territorios de Arzúa nestas adquisicións responde, non só a ser un dos lugares fundamentais do Camiño de Santiago, senón que tamén, polo intereses de reordenar o espazo que configura a ruta xacobea.

Un bo exemplo é a adquisición -das máis importantes despois de 1266 por parte do señorío arcebispal- do Berenguel de Landoira en 1325 cando merca a Leonor González de Zas e o seu marido Rui Soga unha casa forte -a de Salceda- xunto a 24 deste casais nas proximidades de Arzúa.

Así aparecen compras feitas en diversos lugares e aldeas de Arzúa, especialmente en San Cosme de Oíns, como son Beis, Seixas, Filgueira, Manedo, León de Abaixo e León de Arriba, Vilar de Mera (seguramente a actual Vilamoura), Dodro e a octava parte do coto de Ois (actuais feligresías de Santa María de Dodro e San Cosme de Oíns).

Trala compra das terras, temos que falar a percepcion de rendas sobre a explotación agraria. Aquí o elemento fundamental é o foro. Trátase dun mecanismo de tipo xeral para a explotación das terras.

O señorío arcebispal incorpórase a este mecanismo a principios do século XIV. Os primeiros fanse a unha soa voz, ou dous como moito, seguramente para ter un maior control da administración das explotacións.

En canto a cuantía da renda, é maioritaria a que estipula unha cantidade fixa, frente a unha proporcional ou a unha cantidade en metálico. A unidade de explotación foi a que vimos anteriormente: o casal.

Sen embargo, a comezos do S. XV a cousa muda. O número de casais, viñas e outro tipo de explotación vólvese uniforme contabilizando un total de 329 casais dos que o 5,47% atópase en Arzúa, é dicir, 18 agrupados en varias mordomías. As rendas son cada vez máis proporcionais, sobre todo na zona onde se produce viño xunto con algún cereal, situación que responde a paliar os baixos rendementos agrícolas.

Neses anos, Arzúa destaca por unha situación preocupante de crise. O territorio arzuán contabiliza un 11,1% de casais despoboados, polo tanto, a situación de penuria no rural é patente.

Outras das importantes atribucións que tiña o señorío catedralicio era a percepción dunha carga para manter o culto e os seus administradores. Este é o dezmo.

Esta renda eclesiástica é considerada por moitos autores como a máis importante da fiscalidade medieval da Igrexa catóica. Era a décima parte de tódalas ganancias e productos dun ano, se excepción de condición social ou xurídica.

A incorporación das igrexas ó control de catedrais e mosteiros, así como as súas rendas, foi un proceso lento, semella concentrarse no século XIII e que se vai extendendo polos diversos territorios dos señoría. Así entre 1331 e 1337 aparecen incorporadas as rendas eclesiáticas do Arcebispado de Compostela as igrexas de Santiago de Arzúa e Santa María de Arzúa.

Oíns, San Cosme na guía de Everest “Arzúa no camiño de Santiago”

Igrexa de San Cosme de Oíns (Arzúa)

Reproducimos as páxinas 111 e 112 do libro “Arzúa no camiño de Santiago”, editada por Everest e o Concello de Arzúa, primeiro en castelán (1987) e logo en galego (1988) e escrita por Eduardo Aurelio Cacheda Vigide:

É a parroquia de meirande extensión do Concello, situado no extremo noroeste do mesmo. Ten a súa poboación distribuída nos lugares de Beis, Ferradal, Filgueira, Fraga, Fruzo, Igrexa, León de Abaixo, León de Arriba, Manedo, Pumar, Seixas e Vilamoura.

No lugar de Fruzo existe unha antiga fortaleza, transformada en pazo no século XVIII pola familia Guiráldez. Actualmente é un palacio de boa arquitectura, con escaleira principal de calidade pouco común nos edificios da época. A porta está orlada cunha moldura barroca e debaixo do modillón do aleiro vese o escudo dos Guiráldez, que consiste nunha banda engolada de dragantes e acompañada no alto duha estrela e, abaixo, dun león rampante.

A igrexa parroquial é un edificio moderno, cunha curiosa fachada de inspiración neorromántica, torre moi ebelta con elementos tomados do barroco de placas.

No interior hai un retablo maior, do século XX, derivación de combinacións neorrománticas de Magariños. Os laterais son barrocos, de deseño e corte arquitectónico moi belos, con ricos, volumen e decoración sobria pero de bo gusto. Son do século XVIII.