Santa María de Arzúa na guía de Aurelio Cacheda

Compartimos o que escribeu Eduardo Aurelio Cacheda Vigide na guía turística “Arzúa no Camiño de Santiago” publicada por Everest en duas versións (castelán 1987, galego 1988). O ISBN da versión galega é o 84-241-9921-9

Seguindo a estrada que vai ata Boimorto, e unida á vila de Arzúa, atópase esta parroquia que está formada polos seguintes lugares: Bosende, Capelán, Foxado, Fonte, Fonxe, Fraga, Igrexa, Outeiro, Pazo, Piñeiral, Quenlla, Rascados, Reboredo, Ribadiso, San Salvador, Seixas e Viso.

A igrexa parroquial é do século XIX, cunha curiosa traslación da espadana sobre un muro plano á cabeceira do edificio. O seu estilo non ten maior interese e é o normal para este tipo de edificacións da época.

Moi preto da igrexa, dentro do campo destinado ás festas populares, hai un cruceiro de granito do século XIX e XX que foi transladado aquí doutro lugar. Consta dunha base de catro chanzos, pé sinxelo e vara de sección cadrada con arestas matadas. Tanto o capitel coma a cruz non casan coa vara e son anteriores. O capitel é de cesta con cabezas de querubíns no centro de cada cara. A cruz é árborea co Crucificado morto e a Virxe das Dores.

No lugar de Bosende hai outros dous cruceiros de cimento que sustituiron recentemente a outros de madeira. Un destes cruceiros, asentado sobre un pedestal rectangular, nunhas brañas próximas ao lugar, lembra o lugar onde, segundo a tradición, “apareceu” Santa Mariña. O outro cruceiro, situado case enfrente da capela na que se venera á Santa, lembra o “milagre” da Santa, que ó face-lo seu peso insoportable para os que a querían transladar á igrexa parroquial foi interpretado como a súa vontade de ser venerada no lugar de Bosende, onde se edificou o actual santuario. A súa festa celébrase o domingo seguinte ó día 18 de xullo e a ela acode gran cantidade de devotos en busca da protección da Santa contra as mordedelas das cobras.

No lugar do Viso hai outro cruceiro de granito, onde o coengo García Fuente quixo edificar unha capela. A asociación de veciños de Santa María, para honras este monumentos artísticos e relixiosos, existentes con tanta abundancia na súa demarcación, parece que tomou o nome de “Cruceiro” para denominala.

Cando a Fraga do Rei pasou de Santa María a Arzúa

O 20 de xaneiro de 1868 o “Boletín Oficial Eclesiástico” do Arcebispado de Santiago, no seu número 206 publicou unha reorganización parroquial pola que a Fraga do Rei (ata entón pertencente a parroquia de Santa María) pasaba a formar parte da parroquia de Arzúa. Fanse outros cambios como facer depender Preguntoño, Cortobe e Raído da parroquia de Arzúa en vez de Burres, e pasar San Salvador, Sebio, Rourís, Quintás e Pazos a de Santa María. O boletín en cuestión di:

Arzúa, Santiago y san Pedro de Lema, de 950 almas. Unimos a ella la aldea llamada Fraga del Rey de la de santa María, como también las aldeas de Burres llamadas Preguntoño, Cortove y Raído. De término y de patronato alternativo del Duque de Gor y de la Dignidad Arzobispal. Tendrá coadjutor.

Arzúa, santa María, de 548 almas. Unimos a ella el lugar de san Salvador de la de Santiago, como también las cuatro aldeas de Burres llamadas Sevio, Rourís, Quintas y Pazos: de entrada y de patronato del Duque de Gor.