Tres fábricas de gasesosas en Arzúa

Na vila de Arzúa houbo polo menos tres fábricas de bebidas espumosas: gaseosas, sifóns e ata refrescos de limón e laranxa. Non dispoñemos de documentación ou fotografías sobre elas, recopilamos aquí o que nos contaron os que ainda gardan lembranzas daqueles negocios e fotos das botellas que levan o nome (e ata o escudo) de Arzúa.

Se algún dos lectores dispón de máis información ¡que a comparta! (enviando un correo electrónico ou deixando un comentario)

La ideal

Pensamos que a primeira fábrica de gaseosas e sifóns que houbo en Arzúa estivo ubicada inicialmente na rúa que conduce cara o cemiterio e que hoxe leva o nome de Neira Vilas. Foi o seu primeiro propietario Ramón Quintela Montero (Tenazas) que logo vendeu á sociedade formada or Manuel Fernández Rua (Cardeiro, non confundir co seu fillo Manuel Fernández Labandeira, tamén coñecido por ese nome) e Piñeiro. Máis adiante foi trasladada á Rúa Ramón Franco.

Aspecto actual da fábrica La Ideal, na rua Neira Vilas

Esta fábrica, cando era propiedade de Ramón Quintela Montero, contaba cun camión de reparto popularmente coñecido como “Anaquiños”.

Os nenos de Arzúa axudaban a quitar auga cunha bomba, e cobraban en especie (con gaseosa)

Bomba que estivo instalada na fábrica de gaseosas “La ideal”
Anuncio de 1965

Espumosos Varela

José Varela Lamas foi socio co seu concuñado José María Paz en Espumosos Varela, que tiña a fábrica na Rúa Ramón Franco número 12.

Nesa fábrica de bebidas espumosas, ademáis de gaseosa embotellábase sifón e un refresco de sabor laranxa ou limón chamado “Dux”

Contaba para o reparto cun camión marca Avia de tres marchas coñecido co nome de “Berberecho”

Anuncio de 1964

Agarimosa

En torno a 1981 Marcelino Penas Alamancos mercou a José Varela a súa fábrica de gaseosas, trasladouna á Fraga do Rei número 51, e foi progresivamente sustituindo as botellas polas dunha nova marca: “Agarimosa”

Brandeso, San Lourenzo na guía de Everest de 1987

Brandeso: retablo do Socorro

A continuación transcribimos as páxinas 80 a 82 da guía editada por Everest e o Concello de Arzúa, primeiro en castelán (1987) e logo en galego (1988), escrita por Eduardo Aurelio Cacheda Vigide e que leva por titulo “Arzúa no Camiño de Santiago”:

Seguindo a estrada de Arzúa a Vila de Cruces, ó pasármo-lo río Iso, atopámo-la parroquia de Brandeso. Os seus 179 habitantes viven repartidos nos lugares de Bustelo, Campos, Casal de Abaixo, Casal de Arriba, Cimadevila, Cubelo, Garmalla, Igrexa, Monteiros e Piñeiro.

A súa igrexa parroquial é do século XVIII, construída de canteria e cachotería, con remates de pináculos estirados, tanto na súa fachada como no segundo corpo da espadana. O retablo maior é de finais do século XVIII con algún detalle rococó. Nel hai dúas imaxes (San Ramón e San Buenaventura, ámbolos dous vestidos de Cardeal) de grande calidade e pouco frecuentes nas igrexas rurais. Son do século XVIII.

Pero a xoia artística do templo constitúea o retablo da Virxe do Socorro, da escola de Ferreiro, de orde xónica con pilastras e belas columnas. Na fornelo central hai unha fermosa imaxe da Virxe do Socorro, derivación doutra da mesma advocación conservada en San Martín Pinario de Santiago. Tamén son de notable interese as imaxes de San Antonio e de San Roque, situadas no mesmo retablo.

Na mesma parroquia e moi preto da igrexa, está o pazo de Brandeso que, pola súa arquitectura, é un dos máis notables da provincia da Coruña. Dende a estrada accedese ó pazo e finca que o rodea, a través dun enorme portal co escudo da familia. O edificio, de planta rectangular, é dos séculos XVII, XVIII e XIX, con restos de antigas torres. No centro un grande tímpano co escudo dos Aguilar coa súa aguia explaiada, Mosquera (cinco cabezas de lobo en sotuer) e Montero que contén unha árbore cun can atado e unhas chaves adosadas ó toro.

É de cachotería ó aire, sen revestimento e co coroamento da fachada a base de merlóns.

Frente ó pazo está a capela que foi construía no 1544 e reformada no 1664. É de salienta-lo conxunto axardinado que rodea o pazo e a capela.

Poida que atraído pola sonoridade ou pola musicalidade do nome, Valle Inclán adoptou o do pazo de Brandeso, trocándolle unicamente o nome de San Lourenzo polo de San Clemente, para escenario no que habían de acontece-los amores do marqués de Bradomín coa pobre concha, na súa “Sonata de Otoño”.

Os titulares do pazo chegaron a posuir grandes propiedades de terra en Brandeso e Dombodán, cunha renda anual que superaba os quince mil ferrados.

Unhas 45 ha. destas posesións, especialmente as que rodean o pazo, están hoxe dedicadas a unha plantación intensiva de árbores froiteiras, maceiras e pereiras.

A propiedade do pazo é da familia Gasset.

Pazo de Brandeso