A primeira Festa do Queixo na Voz de Galicia

Compartimos este recorte de prensa que nos envía Xesús Bendaña e que foi publicado na edición de Santiago. Cremos que é a primeira aparición en prensa da festa máis emblemática da vila de Arzúa. Quen asina con “P.” este artigo é Xosé María G. Palmeiro.

O PROSIMO DOMINGO CELEBRARASE EN ARZUA
A “I FESTA DO QUEIXO”

• Serán unhas 500 as vendedoras de toda a comarca que estarán presentes

• Tamén está prevista a celebración dunha esposición de humor galego

O próximo domingo, día sete, celebrarase en Arzúa a «I festa do queixo». Un grupo de rapaces decidiu levar adiante o proxecto, programando unha serie de actos que durarán todo o día.

Dous membros da comisión organizadora, Xesús Bendaña e Miguel Castro estiveron onte na nosa delegación pra falarnos da feira.

O QUEIXO, PRODUCTO FUNDAMENTAL

—Nós tratamos de resaltar a importancia do queixo porque é un producto fundamental na economía da comarca.
Os queixos arzuáns son certamente famosos. Calquera pode atopalos nas feiras que se celebran o día oito e mais o quince de cada mes. Claro que agora ó obstáculo que supoñen os intermediarios, hai que xuntar o problema creado pola non recollida do leite.

En fin, tendo en conta todo esto a comisión decidiu pagar duascentas pesetas a todas e cada unha das mulleres que apareza cun mínimo de dez queixos, ademáis de pagarlles o viaxe de ida e volta.

—O servicio de transporte será desde Toques, Melide, Curtis, Sobrado, Teixeiro, Vilasantar, Présaras, Boimorto, Santiso, Visantoña, Touro, Turces, Quión, Beseño, Dombodán, Pantiñobre, Brandeso e Burres. Por outra banda, ademáis das duascentas pesetas, haberá trofeos pras parroquias que leven máis queixos.

—¿Tedes previsto algo especial, aparte da venda?
—Está organizada unha esposición de maquinaria agrícola e algunhas mulleres elaborarán queixos na mesma feira. Ao mesmo tempo, unhas rapazas vestidas co traxe rexional darán a probar o queixo os visitantes.

Pero os organizadores teñen previsto tamén outros actos pra cubrir a xornada.
—Haberá bandas de música, gaiteiros e unha esposición de humor galego nun dos muros da feira. Temos dibuxos de Castelao, Quesada e Sirso.

PRESUPOSTO: 200.000 PTAS.

—¿Haberá outras feiras nos anos vindeiros?

—Pensamos seguir a facela e trataremos de que sexa patrocinada polo Ministerio de Información e Turismo.
—¿Qué presuposto existe todo esto?
—Os gastos totales rebasarán as duascentas mil pesetas, según os nosos cálculos.
—¿Contades con axudas dalgún organismo oficial?
—O Ayuntamiento ten aportado cen mil pesetas pra pagar as señoras que veñan cos queixos.

Aseguran que a colaboración do pobo de Arzúa é un feito e pensan que non haberá problemas pra amortizar os presupostos. Prós membros da comisión o importante era contar de entrada coas queixeiras. E equí a realidade superou con moito a todo o previsto. Serán unhas quineintas as vendedoras de queixos que se desprazarán ate Arzúa o día sete de marzal.

A «I festa do Queixo», pois, está xa en marcha.— P.

Os primeiros 10 carteis da Festa do Queixo

Xuntamos aquí os carteis anunciadores da Festa do Queixo, nas suas primeiras 10 edicións (dende 1976 a 1985).

I Festa do Queixo, 1976
I Festa do Queixo, 1976

O cartel da primeira festa foi obra de Sagrario Bendaña e estivo inspirado nun cadro que estaba exposto no antigo café da Castro (Rua Ramón Franco 6)

II Festa do Queixo, 1977
II Festa do Queixo, 1977

Deseñado por Jose M. Lopez Vázquez.

III Festa do Queixo, 1978
III Festa do Queixo, 1978

Pola páxina 31 do xornal La Voz de Galicia do 28 de decembro de 1977, sabemos que este cartel de 1978 foi elexido por votación popular o 6 de xaneiro de 1978 e que o premio consistiu en 5.000 pesetas.

IV Festa do Queixo, 1979
IV Festa do Queixo, 1979

Elexido por votación popular o día 6 de xaneiro de 1979 e premiado con 5.000 pesetas (La Voz de Galicia, 12 de novembro de 1978, páxina 41)

V Festa do Queixo, 1980
V Festa do Queixo, 1980

O premio era esta vez de 15.000 pesetas para o primeiro clasificado da votación popular do día de reises, e houbo outros para todos os participantes. Ademáis fíxose un concurso para nenos e nenas, con un primeiro premio de 3.000 pesetas e lotes de libros e suscripcións a revista Vagalume para os tres primeiros clasificados. Tamén se fixo un concurso de fotografía baixo o lema “Escenas da V Festa do Queixo”, tal e como recolle a páxina 29 do xornal La Voz de Galicia do 18 de novembro de 1979.

Según escribiu Luis Peteiro na páxina 41 de La Voz de Galicia do 19 de febreiro de 1980, na “Mostra do cartel” presentaronse 30 obras de adultos e 35 de nenos, resultando gañador por votación popular David Ouso de Lugo na categoría de adultos e Carlos Mariño na categoría de nenos.

VI Festa do Queixo, 1981
VI Festa do Queixo, 1981

Premio de 15.000 pesetas e elección por votación popular o día de reises (La Voz de Galicia, páxina 45 do 22 de novembro de 1980)

VII Festa do Queixo, 1982
VII Festa do Queixo, 1982

Votouse na praza da vila o mellor cartel o día 6 de xaneiro pola mañán, cun premio de 15.000 pesetas para o primeiro, e outro de 10.000 para o segundo (La Voz de Galicia, páxina 40, 2 de decembro de 1981)

VIII Festa do Queixo, 1983
VIII Festa do Queixo, 1983

Os carteis expuxeronse na praza da vila o día 6 de xaneiro, e por votación popular deuse un primeiro premio de 10.000 pesetas. Un xurado outorgou o segundo premio tamén de 10.000 pesetas (La Voz de Galicia, 24 de decembro de 1982, páxina 57).

O gañador do primeiro premio foi Anxo Iglesias Gómez (Xelo) e do segundo Xosé Camoxo Rodríguez, de Santiago (La Voz de Galicia, 14 de xaneiro de 1983, páxina 36).

IX Festa do Queixo, 1984
IX Festa do Queixo, 1984

Un xurado presidido polo alcalde don Jesús García Vázquez, o director do instituto de BUP (Uxío Barreiro Pérez), un estudante (Xan Carlos Tato Agra), o artista Gonzalo Velasco Vieiro, o cofundador da festa Miguel Castro Agra, o secretario do Concello Xan Colmenares López-Soldado e Pilar García Montero da Comisión de Festas decidiu os gañadores dese ano: Angel García Fernández, de O Grove primeiro premio, Xurxo Alonso García de Vilagarcía de Arousa segundo premio e Francisco Longueira Fernández de Carballo terceiro premio . Os carteis presentados a concurso foron expostos o día de Reices na praza para elexir o cartel máis popular. (La Voz de Galicia, 22 de decembro de 1983, páxina 41 e 7 de xaneiro de 1984 páxina 24)

X Festa do Queixo, 1985
X Festa do Queixo, 1985

Os premios deste ano foron de trinta, vinte e dez mil pesetas e fíxose a selección por votación popular o día 6 de xaneiro. (La Voz de Galicia, 7 de decembro de 1984, páxina 14). Foron os gañadores Xurxo Alonso, de Vilagarcía (premio de 30.000 pesetas), Alberto García Pintos de Santiago (20.000 pesetas) e Santiago Rivas Fraga de Santiago (tamén 20.000 pesetas) contou La Voz de Galicia o 9 de xaneiro do 1985 na páxina 19.