Reproducimos o texto adicado a Boente, publicado nas páxinas 78 e 79 do libro “Arzúa no camiño de Santiago”, con ISBN 8424199219, escrito por Eduardo Aurelio Cacheda Vigide e publicado polo Concello de Arzúa e Everest no 1987:
Boente, Santiago
Agrupando case toda a súa poboación nos lugares de Boente de Arriba e Boente de Abaixo, con algúns núcleos máis pequenos en Martulo, Outeiro, Pazos e Peroxa, entre Melide e Arzúa, seguindo a estrada de Santiago está a parroquia de Boente.
Sobre o mesmo Camiño de Santiago, a súa igrexa paroquial do século XX foi edificada no mesmo lugar e cos restos dunha igrexa románica do século XII previamente derrubada para construí-la actual. Da igrexa románica quedan dous interesantes capiteis incrustados no exterior do muro plano da cabeceira do edificio actual.
Da antiga igrexa gárdanse certas imaxes de indubidable valor; un Santiago peregrino entronizado, derivación da imaxen pétrea do altar maior da Catedral de Santiago, obra dos principios do século XIX; unha Virxe do Carme e un San Roque, ámbolos dous do século XVIII; a imaxe de San Silvestre é de raíces góticas, dunha arte moi popular e dunha difícil datación cronolóxica.
Case enfrente da igrexa, á outra beira da estrada xeral, hai un cruceiro e unha fonte de granito do século XIX que derivan dos tipos compostelanos. A fonte (da Nosa Señora da Saleta) foi lamentablemente alterada na súa zona central cunha obra de cimento e lousa de mármore branco. O cruceiro ten a base enterrada, pé de fortes chanfráns, vara de arestas matadas e cruz florenzada sen Crucificado.
No lugar de Outeiro existe un antigo pazo que procede dos Sánchez Boado. Despois de pasar por sucesiva xeracións a última representación vincular do mesmo pasou a don José Domínguez Feijoo.
Boente celebra grandes festas na honra do seu patrono, Santiago, os días 25 e 26 de xullo; e tamén da Virxe da Saleta o primeiro domingo de setembro.
As solemnidades destas celebracións son preparadas con moito esmero e coidado, tanto no seu aspecto relixioso coma no de expansión e divertimentos profanos.