A Gaceta de Galicia, diario de Santiago do 27 de agosto de 1887 publicou os horarios de chegada e saida de distintos coches a distintos puntos do país (Coruña, Ourense, Noia…). Polo que respecta a Arzúa, podemos ler:
A Arzúa. El Montañés y El Porvenir: Salen y llegan cuando les conviene
Grazas a Xelo Iglesias, tivemos a sorte de conversar con Ramon Pinheiro Almuinha en torno á zanfona na nosa comarca de Arzúa.
Ramon Pinheiro Almuinha (Vigo, 1975) é historiador e o director artístico de aCentral Folque, que en novembro de 2024 organizou o XX Festival Internacional “Zona da Zanfona” en Arzúa. Ramon impartiu no marco dese festival a palestra “A zanfona en Arzúa. Notas históricas”.
A zanfona é un instrumento de corda fretada, no que as cordas son fretadas por unha roda, que se acciona mediante unha manivela. Segundo nos conta Ramon, pertence a unha familia de instrumentos cunha orixe netamente europea. O seu uso está documentado en mosteiros e igrexas desde o século XII, primeiro como symphonia ou organistrum, como o representado no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Foi instrumento habitual en mans de xograres nas cortes europeas da Baixa Idade Media, con ela acompañaronse as composicións dos trobadores da lírica medieval. O seu emprego erudito caeu en desuso no Renacemento, ficando restrinxido ás prácticas dos cegos ambulantes, ata que foi recuperado en Francia, na corte barroca de Luis XV. Desde finais do século XVIII pasou ás músicas tradicionais de Francia, o Tirol ou Hungría, á vez que na periferia de Europa —norte da Península Ibérica ou Ucrania— sobreviviu como instrumento característico de cegos e ambulantes ata os últimos anos do século XIX e principios do XX.
Segundo o relato de Almuinha, cando ao remate do século XIX folcloristas como Casto Sampedro Folgar ou Faustino Santalices comezan a estudar a música folclórica galega e se ocupan da zanfona, xa como algo desaparecido, identifican Arzúa como un dos lugares nos que historicamente existía un dos escasos talleres especializado na construción deste instrumento.
Unha das aproximadamente oitenta zanfonas ibéricas históricas que se conservan é a chamada “Zanfona do cego de Carelle” (por San Lourenzo de Carelle, en Sobrado dos Monxes) ou “de Arzúa”, que foi mercada por Xosé Fuciños en 1905 ou antes e exhibida durante anos no Museo Terra de Melide. Entre as súas características construtivas hai dúas a destacar: – tres cuadriláteros concéntricos gravados na tapa
– tres follas talladas no cordeiro, que semellan unha flor de tulipán.
Outras zanfonas históricas das mesmas características xerais que presentan algunha destas marcas construtivas son:
a que está no CENTRAD da Deputación de Lugo, procedente de Palas de Rei
a que se conserva no museo nacional de Dinamarca desde principios do s. XX
a espoliada no 1936 do desaparecido museo de Pías en Mondariz, Pontevedra, e da que só se conservan fotografías.
Zanfona feita en Arzúa que se conserva en Dinamarca
Nesta altura, Almuinha cóntanos doutra zanfona con estas marcas construtivas, que a identifican como arzuá: a que inmortalizou o escultor Isidoro Brocos na súa obra “O cego dos monifates” (barro cocido, 1909, 56x20x28,5 cm). Para esta escultura, conservada no Museo de Belas Artes da Coruña, levantou planos detallados dunha zanfona (que se conservan e foron estudados por José Luis do Pico) nos que se evidencia a adscrición do instrumento ao taller de Arzúa. Isidoro Brocos, natural de Compostela, frecuentou as terras de Arzúa a fins do s. XIX e recolleu nelas cantigas populares.
Escultura de Brocos que reproduce un cego cunha zanfona de Arzúa
Ademais de construír zanfonas, en Arzúa tamén se tocaba este instrumento. A través doutro estudoso (Perfecto Feijoo), cónstanos que no lugar de Sobrado (parroquia da Mella) había un cego zanfonista, do que recolleu polo menos dúas pezas. Unha delas foi rexistrada en 1904 polo propio Perfecto Feijoo para as gravación realizadas pola Cie du Gramophone ao coro Aires d’a Terra de Pontevedra, resultando así que a primeira gravación do mundo dunha zanfona se fixo dun tema recollido en Arzúa.
O remate da conversa levounos a outros intérpretes da nosa comarca, por exemplo, o dúo formado polo cego Pepe Carreira, de Baltar, e o seu lazarillo Ramón da Mella (frautista), que menciona o poeta Antonio de la Iglesia. Este singular dúo de zanfona e frauta talvez sexa o mesmo que documenta Isidoro Brocos nunha carta a Casto Sampedro na que, sen identificar os músicos, se aventura a dicir “yo creo que eran de Arzúa”.
Eduardo Aurelio Cacheda Vigide ocupouse na súa guía “Arzúa no Camiño de Santiago”, publicada por Everest no ano 1987 (edición en castelán), das 22 parroquias do concello de Arzúa unha por unha. De Santa María de Tronceda di, na páxina 118 da edición en galego:
Case asulagada pola presa de Portodemouros, só quedan á beira esquerda da mesma dous lugares desta parroquia: Tronceda Nova e Tronceda Vella. Permanece tamén a súa igrexa parroquial construída en cachotería e de escaso valor artístico.
A “reducida” parroquia de Tronceda é hoxe un fermoso miradoiro dende o que se poden contemplar unhas marabillosas paisaxes a ámbolos dous lados da presa.
Na terceira parte do artigo que don Aureliano Pardo Villar publicou no número 133 de Nos (boletín mensual da cultura galega) en xaneiro de 1935 ocupouse dos “artistas de sona” de Arzúa. A saber:
Andrés Vázquez, o Carragoto, construtor de gaitas
Fernando Lamas Barreiro, ou Fernán da Barreira, carpinteiro
Xosé Taboada Vázquez, reloxeiro de Preguntoño
Fernando Carril Salgueiro, armeiro de Viladavil
Xesús García Conde
Xesús Bendaña, caricaturista
Xosé María Sánchez, músico
Este é o texto dese apartado:
Emporiso, inda que se non atopen na vila industrias nen obradoiros que ofrezan intrés, non imos a supôr que seña por falla de homes agudos e ben asisados pra calquer estudo ou pra calquera empresa; nin que se non den nela artistas isolados moi xeitosos. Lémbrome ben do señor Andrés Vásques, mais coñecido pol-o alcume de Carragoto que lle viña do nome da aldea da sua nacencia na freiguesía de Cardeiro, un carpinteiriño miudo do corpo dos meus tempos mozos, que posto a tornear facía milagres no buxo. Ora facía pezas pra os crarinetes, ora gaitas galegas tan feituquiñas que daba xenio velas e inda máis ouvirllas tocar, pois repinicaba no punteiro que semellaba un feitizo. A sona do gaiteiro arzuao, despois de conquerir a nosa terra, avantou monte adentro das Asturias, onde se crian osos moi feros e unha casta de homes argalleiros e fachendosos tal que non hai outra non mundo. O que chegei a esa terra brava e tristeira (xa vai desto moit tempo) contoume un meu compañeiro asturián da Pola de Somieu, que nas romaxes de aquela toleirona mocedada soaban docemente as gaitas feitas na vila de Arzúa. Eras as gaitas grilleiras saídas das mans enfeitizadas do señor Andrés Carragoto, que tamén fixo moitas pras Américas. E, que trompos de buxo tan repinicados torneaban ele e o seu fillo Xesús pra os rapaces, cando viña o tempo de xogarmos âs quilladas! O Xesús, que herdou o arte e mail-a sona do pai, inda que a sua especialidade e costruir carrozas de automóveles, fai tamén gaitas moi feitiñas pra Galicia, Asturias e América, e ten carrego de fornecere delas ô meirande armacén de istrumentos musicaes da Cruña. Nunha longa conversa que tiven co-ele no seu obradoiro, amostroume duas que tiña feitas (a prezo de oito pesos, cumpridas de todal-as pezas de madeira de buxo) e díxome que fai tres crás de gaitas, e sí bemol pra tocaren senlleiras, en dó pra armonizaren con frautas e crarinetes e grilleiras que son máis pequenas i-escrusivas cuasemente do país asturián.
Outro carpinteiro había daquela na vila que tiña man de santo pra labrare os retablos: era o señor Fernán da Barreira, a quen meu pai por vegadas deprendíalle leiciós de dibuxo o que andaba a traballar nunha obra da nosa cosa, por mor de que il poideira millor se aproveitar da sua abelencia. Vinlle facer dous retabros greco-románs moi feitiños pra Eirexa de Maroxo, â imitanza do da capela do Pazo dos meus tios de Vilar de Ferreiros, onde lle fixen compaña namentras el andaba as voltas coas medidas e trazaba nun papeliño a pranta do retabro; e despois labrou outros dous da mesma feituras pra eirexa de Pantiñobre.
Do mesmo xeito, fago arastora lembranza do reloxeiro D. Xosé Taboada Santos que pousaba na aldea de Preguntoño, preto da vila de Arzúa, i escomenzou facendo pola sua man o torno e máis ferramentas do oficio, e do de armeiro que tamén lle levaba idea. Taboada de Preguntoño (home abastado qu’endexamais deixou de vestir o traxe típico do país) traballaba con moito arte, e pódese ollar ainda no obradoiro que ten na vila o seu fillo D. Xosé María, un relós grande de pesas e campaiña con todal-as pezas feitas por ele, e unha esfera moi orixinal de nogueira a xeito da celeste, con baixo-releves do sol, a lua e as estrelas. Traballou, endemais, na construción do relos púbrico do axuntamento de Arzúa. O seu devandito fillo, moi amante da cultura, a máis de traballare de reloxeiro, fai aparellos de telégrafos Morse tan ben rematados que semellan da fábrica, e outras cousas boniteiras que amostran ben as dotes de intelixencia e de arte que lle veñen por herdo paterno.
Non lonxe da vila, na freiguesía de Villadavil, moraba daquela un armeiro de moita sona nomeado Fernán Carril Salgueiros, que foi o que fixo peza por peza o relós público do axuntamento de Arzúa, e denantes refixera o da vila de Melide, cobrando pol-a máquina do primeiro once mil reás na data de 1866, sin facer conta coa torre de ferro que foi construida en Compostela por Cerqueiro, e a campana de trinta arrobas fundida en Orazo, que fixeron subir o custo de todo a trinta mil reás. O mestre armeiro facia escopetas de tan boa calidade, que os cazadores do páis tiñan-as en máis estima que as da fábrica pol-o seu promeo e alcanzo.
Xenio de artista, e de moi gran artista, tiña tamén o arzuao D. Xesús García Conde, que fai pouco tempo baixou a Coba, malogrado pol-as riquezas e a política que o perderon.
Otro arzuao que promete moito, pois e un rapaciño novo, é o caricatureiro Xesús Bendaña, que de algún tempo ben traballando arreo no Ideal Gallego.
Artista esquisito e cumprido na cátnida e no teclado, profesor e crítico musical coma non vin outro, é o P. Xosé María Sánchez, compañeiro meu d’escola e frade da mesma Orde, do qué mal, acoradiño decote pol-a doenza que malogra os froitos do seu agudo inxenio e da sua amplia cultura musical.
O 31 de outubro de 1903 o xornal “El Correo de Galicia” recolle a decisión do Concello de Arzúa de ampliar a praza principal de vila, con este texto:
El Ayuntamiento de Arzúa acordó ampliar la plaza principal de aquella villa formando para ello un proyecto y el expediente de expropiación forzosa de varias fincas.
No xornal La Voz de Galicia, o 23 de novembro de 1986 publicouse que un gaiteiro de Arzúa acompañaba a Cristobal Colón na súa famosa viaxe de descoberta, e que o almirante mandou que o tirasen pola borda. Lástima que esto foi nunha “fábula fabulosa” inventada polo escritor Xosé Fernández Ferreiro, e non na realidade.
Este é o texto completo:
Poñer hoxe en dúbida que Cristóbal Colón era -é— galego non se debe mais que á ignorancia de moitos e a mala uva douiros tantos. Despois dos datos irrefutables, amplamente documentados e contrastados, dos nosos ilustres historiadores e investigadores especializados no tema, parece absurdo pararse a falar de semellante cousa, pois ninguen, con catro dedos de frente, pode poder en tea de xuicio un feito tan evidente.
Colón era galego. Era de Pontevedra, inda que algúns digan que era oriundo de Sarria ou de Castro Caldelas. A tese dos nosos ilustres historiadores, por se houbese sospeitas, foi confirmada, como todos saben, polo profesor Braga, da universidade portuguesa do Miño, quen descubriu os chamados «papiros de Ponte do Lima» nos que se atopan tódolos datos referentes á orixe do héroe da gran descuberta. Segundo estes papiros. Colón —xudeo el—, «era nativo da ría de Pontevedra, non da cidade mesma, senón de Portonovo, anque a súa familia aprocedía de Cangas de Morrazo». Nestes importantes documentos tamen se demostra que tanto Vasco de Gama como Américo Vespucio, eran igualmente galegos, o primeiro de Muros e o segundo de Redondela, patria de Xan Carallás, e o seu verdadeiro nome era o de Carlos Lobeira o Zorro. Pola súa banda, Magallanes era nativo da illa de Tambo. Outra revelación insólita: Miguel Angel, o gran escultor do Renacemento italiano, era fillo dun canteiro de Cotobade que emigrou a Carrara, en Toscana, para traballar os mármores con destino ós monumentos de Roma e de Florencia, Entre os canteiros de Pontevedra aínda queda hoxe algún que outro Buonarroti.
Os papiros de Ponte do Lima — que se gardan no Museo Británico— foron minuciosamente estudiados polo profesor Papirotti, da universidade de Xénova, quen «con moito pesar, pero fiel á realidade histórica», declara nun ampio traballo sobre o tema, que «sen dúbida algunha. Colón era galego». Este profesor, de gran prestixio e solvencia en Europa e América, foi o primeiro que puxo en dúbida, dunha manera científica, a existencia dos celtas. Para o profesor Papirotti, a presencia destes no vello continente e os seus asentamentos en Francia, Inglaterra e España -tamén en Galicia-, entre outros lugares, é unha gran falacia creada polos erros dos historiadores -de tempos pasados que se basearon mais en lendas e en datos confusos, nunca demostrados, que na realidade dos feitos, «pecado no que caen moitos estudiosos da historia, de ai as confusións que ás veces orixinan».
Pero volvamos a Colón. Según os papiros do profesor Braga, Colón, antes de ser almirante, foi pirata, e antes de pirata, salteador de camiños e forzador de doncelas. «De non ser Pedro Madruga —sinala o profesor lusa—, estaba emparentado con el ou era o seu dobre». Tampouco descarta a posibilidáde de que o almirante da descuberta descendese, por liña directa, de Xelmírez ou da mesma Dona Urraca. Outra cousa, demostrada, é que Colón quixo dar volta despois de varios días de emprender a súa viaxe, pois o home tiña medo da aventura iniciada. Gracias ó valor de moitos mariñeiros galegos que ían con el, tirou para adiante, descubrindo América por casualidade», según os papiros, anque Américo Vespucio chagara xa antes, igual que outros navegadores galegos, entre eles Paio de Arce, Simón Piteira de Luintra e Fernando Fernández o Adiantado.
Por certo, parece que nunha das carabelas ia un gaiteiro de Arzúa. De cando en vez tocaba o seu instrumento para divertir ós compañeiros da viaxe sobre o mar tenebroso. Un día que o oiu Colón mandou que o botasen pola borda. Tampouco deixaba que se falase o galego nas naves. A os que o facían ordeaba que lies tapasen a boca con estopa, cando non que lles cortasen a lingua. Cando chegou a América co primeiro que se atopou foi cun afiador de Ourense que o saudou na fala nativa. O almirante, descomposto ó oir e ver tal, mandou que e o descabezasen.
Colón, pois, era galego, pero un mal galego «indigno de tan fermomosa e nobre patria» (sic), según din os papiros de Ponte do Lima. Tal vez por iso sempre ocultou o lugar da súa nacencia. Se asi foi, gran cousa non debía ser o tal navegador.
Nun libro de 1853, impreso en Santiago na imprenta de Jacobo Souto e Hijo, que leva por título “Prontuario químico para comprobar la identidad y pureza de los principales artículos de consumo y demostrar o descubrir las adulteraciones que suelen sufrir” atopamos varias referencias á vila de Arzúa e a unha epidemia de cólera. O autor do libro é Don José María Bojart y Giraldez (alumno do último ano de farmacia naquel tempo e rexente dun botiquín que se estableceu en Arzúa). Da lectura de dito libro, atopamos:
O autor foi encargado dun botiquín que o Gobernador mandou establecer na Vila de Arzúa con motivo da “féroz y aterradora fiebre epidémica” que houbo neste pobo e o seu partido xudicial.
O seu mandato durou dende o 1 de xuño ata o 10 de novembro de 1853.
O alcalde de Santiago de Compotela foi quen lle ordenou ao autor facerse cargo do botiquín
Na vila de Arzúa non había daquela residindo ningún médico, ainda que si había varios a pouca distancia
O autor pensa que o foco de infección estaba no cárcere, pola súa mala consrucción e non ter luz nin ventilación e onde estaban máis de cen persoas,
José María Bojart mandou quitar ao campo os presos da cárcere e desinfectar os calabozos, e renovar a palla na que dormían os presos,
Tamén mandou desinfectar a igrexa parroquial, o cementerio e as vivendas dos enfermos.
Preparou medicamentos, que se entregaron gratis aos pobres (eran os cregos quenes indicaban quen tiña esta condición) e cobrándollos aos máis acomodados
Enviouse tamén á vila ao profesor D. Pedro Mosquera
Edicións Xerais de Galicia publicou en 1985 unha serie de 12 guías na colección “Guías montes e fontes” elaboradas por Xosé Luis Laredo Verdejo coa colaboración de Constantino Fernández Álvarez, Xosé María Laredo Verdejo e Efrén Vázquez Vázquez. O volume 8 (ISBN 8475071872) desta serie de guías, que leva o subtítulo “A Ulloa. Terra de Melide. Deza e Chantada” adica unhas poucas páxinas a Arzúa, no capítulo “de Lugo a Santiago”:
66 km (Marco 577 Km). ARZÚA é a cabeza dun concello (7.377 habitantes; 47,7 hab./Km²) basicamente agrícola e gandeiro, espallado polos fértiles valiños dos ríos Boente, Rendal e Brandeso, que enchen o encoro de Portodemouros. Os productos da terra comercializanse nunha importante feira-mercado que se celebra os días 8 e 22 de cada mes.
Como vila que atravesaba o Camiño Francés, tivo a súa importancia, da que queda lembranza no Códice Calixtino e na capela da Madanela, semiabandonada. Esta capeliña, obra do século XVII, garda a sepultura de Alonso Muñiz, o seu fundador.
Entre os variados e saborosos froitos desta terra de Arzúa, destacan os afamados queixos, que se ensalzan nunha falangueira feira ós comenzos do mes de Marzo.
Do centro de Arzúa sae unha estrada contra o Sur na dirección da Vila de Cruces (26 Km.) Este camiño ten un percorrido pintoresco por belas paisaxes deica a represa de Portodemouros. Alí atravesa o Ulla e empata coa estrada de Valboa á Vila de Cruces. Os 5 Km. de Arzúa veredes desde a mesma estrada o pazo de Brandeso.
O pazo de Brandeso é hoxe un edificio rectangular macizo con capela afastada e portalón de entrada moderno, resultado de reformar un antigo pazo señorial que, consonte a inscripción na capeta foi construído no ano 1.544. No beirado do edificio apuxeron coma adorno as almenas da antiga torre desfeita en 1908. Na capela están sepultados os fundadores, Fernán Montero de Mella e Inés de Villar e Aguiar. O nome deste pazo foi recolido por Valle Inclán para situa-los amores do marqués de Brandomín en “Sonata de Otoño”.
Compartimos hoxe dous adhesivos que, encargados por dous rapaces de Arzúa, en 1972, (Jesús Bendaña e Chicho Vidal) produciu a empresa Serigrafia Gallega (Álvaro Álvarez Blázquez) de Vigo. Unha delas co lema “Arzúa Terra do Queixo” e outra co de “Arzúa Centro da Galiza”. As dúas levaban a lenda “Feiras días 8 e 22”.
Consérvase a carta co presuposto para 500, 1.000 e 2.000 exemplares. A xulgar polas duas letras de cambio que tamén se conservan e que fan un total de 7.584 pesetas, parece que a tirada foi dunhas 500 unidades.
Arzúa, Terra do Queixo. Feiras día 8 e 22. De 5 x 22 cm
Arzúa. Centro da Galiza. Feiras días 8 e 22. 8 x 10,5 cm
Carta co presuposto
Unha das duas letras de cambio coas que se pagaron os adhesivos
O 24 de decembro de 1932, tras a renuncia de Jesús Vilas Lamas ao cargo de alcalde de Arzúa por motivos de saúde, a corporación por aclamación nomeu como sustituto a Don Juan M. Vidal García. Tras advertir o secretario, José Ramón Bescos y Pérez, que a votación debía ser secreta, votouse e don Juan M. Vidal obtivo doce votos a favor e unha papeleta en branco (¿a súa?). Ese mesmo día, o recén nomeado alcalde dirixeuse ao vecindario nestes termos:
Al vecindario de este municipio:
Al tomar posesión de la Alcaldía, me creo en el deber de hacer un llamamiento a todos los vecinos de este municipio, solicitando su apoyo para el mejor acierto en mi gestión. Es mi propósito y está en mi ánimo, hacer labor progresiva en beneficio de los intereses tanto de la parte rural como de la villa, creando servicios o mejorándolos, y dotando al municipio de todas cuantas mejoras permitan las posibilidades presupuestarias, atendiendo preferentemente aquellas que sean de una mayor urgencia.
Excuso enunciar que todo vecino, que así como tiene deberes que cumplir le asisten también derechos que ejercitar, cuando éstos tengan relación con esta Alcaldía, pueden, con la libertad que las Leyes de la Republíca otorgan a todos los ciudadanos, acudir a esta Presidencia, en la seguridad de que habrán de encontrar justicia, dentro del mandato y atribuciones del cargo.
Laborar por el bien común, ya que con ello se tiende al bienestar de la humanidad, es deber de todo buen ciudadano. Por ello encarezco al vecindario que, dejando aparte las pequeñas diferencias que pudieran existir entre los que nos vemos obligados a una constante convivencia, procure que, sin humillaciones ni rencores para nadie, se depongan determinadas actitudes, en bien y para la tranquilidad de este honrado vecindario, dando así la nota simpática de que al fin todos somos hermanos cuando del bien de Arzúa se trata.
Así los espera de la cultura y laboriosidad del vecindario de Arzúa vuestro Alcalde.
Juan Vidal
Monumento a Juan M. Vidal na praza da Vila (foto: wikipedia)
Este alcalde, que empezou o seu mandato chamando a que os arzuáns deixaran a un lado as súas diferencias, tras o golpe de estado do 1936 foi detido e asesinado en Compostela. A súa viuva Alicia Viaño foi desterrada a Astorga e retirouselle a licenza para comercializar apeiros.