Ricardo Cob, xefe de telégrafos de Arzúa represaliado no 1936

Ricardo Cob Laguardia chegou en marzo de 1928 a Arzúa, para poñerse ao frente dunha estación telegráfica que levaba tempo clausurada, tal e como recolleu o xornal “El Ideal Gallego” do 29 de marzo dese ano:

Arzúa foi o seu primeiro destino logo de aprobar as oposicións, e unha vez na vila fixo de dinamizador cultural, promovendo representacións teatrais, veladas e outras actividades. Xa unhos anos antes de chegar a Arzúa, estando en Carballo, representou o monólogo “Un cuento inmoral” (El Correo de Galicia, de 25 de marzo de 1923, páxina 7). Un exemplo da súa actividade no teatro, xa na nosa vila, atopámolo neste recorte de prensa de “La Voz de Galicia” de 24 de xaneiro de 1936.

A militancia comunista de Ricardo Cob era publicamente coñecida, así que, como represalia, as novas autoridades fascistas trasladárono a Castro Caldelas o 21 de agosto de 1936 (número 120 do Boletín Oficial de Provincia de León). Foi acusado de tratar de dificultar dende o seu posto de traballo a difusión das consignas militares e das transmisións telegráficas emitidas polos rebeldes. Logo de Castro Caldelas foi trasladado a Maceda onde finou aos 65 anos.

|Ficha de Ricardo Cob en nomes e voces

|Bibliografía consultada:
|Arzúa na memoria. Espello histórico dunha terra, de Armando F. Cascón Rodríguez, ISBN 8498120187, páxina 62
|Unha nova ollada a represión franquista en Galicia: motivación e extracción social dos represores. O caso de Arzúa, de Daniel Lanero Taboas, SEMATA, Ciencias Sociais e Humanidades, ISSN 1137-9669, 2007, vol. 19, páxina 237

O derrubamento da torre da igrexa por soldados constitucionais

Un fato de soldados constitucionais derrubou a torre vella da igrexa de Arzúa no contexto da restauración do absolutismo por Fernando VII despois do trienio liberal. Daquela había dúas torres, a actual (iniciada en 1820 e rematada en 1829) e a antiga que estaba do lado do sacristía, na Rúa das Dores. Este feito atopámolo recollido en tres sitios distintos, sen coincidencia na data. A fonte máis antiga é o sermón que o 30 de maio de 1831 pronunciou en Arzúa na bendición da bandeira do batallón de voluntarios realistas de Arzúa don Santiago Pastoriza , Taboada y Martínez.

Y ¿que diré tambien de lo ocurrido aqui mismo y en estas mismas calles la noche del 19 al 20 de Marzo del mismo año (1823), donde 12 hombres con su Comandante (José Ramos) y un subalterno (Antonio García) de la intrepida partida de la Mota hicieron rendir las armas á discrección á veinte y tantos soldados constitucionales con su Oficial, persiguiendo y batiendo acto continuo con igual denuedo y bizarría en las alturas de la Castañeda y puente Rivadiso las tropas revolucionarias que de Mellid venian en su ayuda y socorro, y que despues en gran numero volvieron de noche solo á vengarse de las campanas que hicieron pedazos?

No artigo de Aureliano Pardo Villar, publicado no número 133 da revista “Nos: boletín mensual da cultura galega”, o 15 de xaneiro de 1931, nárrase así o mesmo feito:

Arredor do ano 1824 os condenados dos Constitucionaes, destruiron a torre antiga, sita no muro da cabeceria da sancristía, estragando tamén as campás; i-entón houbo d’erguer a nova torre na fronte do edifizo (…)

Na guía elaborada por Eduardo Aurelio Cacheda Vigide, que publicou editorial Everest no ano 1987 (edición en galego de 1988) co título “Arzúa no Camiño de Santiago” (ISBN 8424199219) dise na páxina 19:

(…) o día 30 de maio do 1831, os constitucionais derrubaron a antiga torre da igrexa, que estaba na parte de atrás da mesma, onde hoxe está a sacristía.

Cremos que Cacheda erra na data: o 30 de maio de 1831 foi cando se dou en Arzúa o xa mentado sermón de Santiago Pastoriza, Taboada y Martínez, pero a torre debeu ser derrubada na noite do 19 ao 20 de marzo de 1823.