Arquitectura popular en Arzúa

Das páxinas 90 a 93 do libro Arquitectura na provincia de A Coruña. Arzúa, Boimorto, O O Pinto e Touro, editado pola deputación de A Coruña en 2010, con ISBN 9788498121179 obtemos o seguinte texto:

Botando man dos materiais propios da zona, é dicir, a pedra de xisto e a madeira, as construcións do mundo rural no concello de Arzúa buscan conseguir as mellores condicións de protección e uso segundo as súas finalidades, coa maior economía de medios, como sucede no resto do país galego. De aí a aparición de muros de cachotería ruín, onde poden aparecer intercaladas pedras de maior tamaó para axudar a trabalos, finalidade coa que son utilizadas as pezas de pedra de gran nos esquinais e nos marcos dos vans. Neste último caso aparece frecuentemente a madeira substituindo á pedra, ofrecendo un aspecto máis pobre, pero tratándose dunha solución moi socorrida tamén noutras comarcas da provincia, como As Mariñas.

Volumetricamente as vivendas do concello son dunha gran sinxeleza, prismáticas, pois contan cunha planta rectangular e frecuentemente dúas alturas, sendo xa escasas as casas terreas, orixe da tipoloxía actual. A distribución interior das mesmas é practicamente idéntica en todas elas, dedicando a planta terrea a cociñas e cortes, separadas por un corredor central que pon en comunicación as fachadas máis longas. A un lado queda a cociña, coa lareira, que moitas veces se prolonga ó exterior pola masa semicilíndrica do forno. Ó outro, as cortes. O andar superior resérvase para os cuartos dos moradores, desde datos máis recentes, en torno a un longo corredor que une as fachadas máis estreitas. Tamén poden abrirse a un espazo distribuidor, empregado como corredor nas ocasións necesarias -festas, celebracións-, que incluso pode habitarse como dormitorio se é preciso. A cuberta exterior, predominantemente a dúas augas, cóbrese con tella curva do país.

As construcións adxectivas fan acto de presenza apegadas ó núcleo central que supón a casa, podendo envolvela en maior ou menor medida, complementando os servizos que esta necesita: cortes, alpendres, palleiras, pendellos, fornos, de maneira especial, mentras que outras se dispoñeran sempre preto da mesma, pero nunca apegadas como sucede cos hórreos que buscan unha boa ventilación.

Cruzado o concello por unha boa cantidade de ríos, de non demasiada importancia, así como por moitos regatos, a forza motriz da auga será empregada para mover os numerosos muiños que atopamos repartidos pola súa xeografía. Hoxe en día abandonados ou en estado ruinoso, a súa perda vén dada polos avances tecnoloxicos dos novos tempos. Poucos se manteñen en activo, sendo na actualidade a súa actividade simplemente testemuñal. Ademais da súa clara función económica, tiveron outra de grande importancia, como era de servir de lugar de reunión de veciños, cunha importancia social maior do que pode pensarse. Son muiños de rodicio, de pequenas dimensións ás veces, ou cun elevado número de moas, contando case sempre nestes casos coa vivenda para o muiñeiro e a súa familia, dedicada case exclusivamente a este mester.

Os hórreos adquiren especial protagonismo. Moi abundantes, responden a tipos ben concretos e definidos, inda que a interpenetración entre estes se dá en gran medida, o que lle resta “pureza” a algúns exemplares, a cambio da ganancia que xorde no encontro de dous ou máis tipos. O territorio do concello vese case dominado polo tipo “Mahía”, hórreo mixto de pedra e maderia, de boa construción, e que foi influencia do “Palleira”, así mesmo moi abundante, de madeira, fai que en moitos exemplares acabe por suprimirse os pinches dos penais, as sobrepenas e os remates, dando lugar a hórreos híbridos. Entre os do primeiro tipo mencionado consérvanse grandes exemplos en canto ó seu tamaño, e polo tanto á súa capacidade, explicando a súa pertenza a casas grandes ou pazos, que gozaban de substanciosas rendas e producións. Nesta área de expansión doutros tipos chama a nosa atención a aparición de exemplares tipo “O Pino”, cuadrangulares e cunhas dimensións que os fan sobresaíntes. Son moi anchos en relación a súa lonxitude, e poden contar cun balcón ante a porta de acceso, inda que isto non sempre ocorra. Moi elevados, asentan en celeiros que se dedican a cortes ou lugares de almacenamento, así como para gardar apeiros. Neste caso cóbrense a tres ou catro augas, fronte ás dúas dos anteriores. Os do tipo “Palleira” ofrecen un aspecto máis pobre, cerrándose a cámara totalmente con balaustres, que poden dispoñerse vertical ou horizontalmente, sempre reforzados con faixas en sentido contrario.

Casa en Santo Estevo

A fotografía en branco e negro do inicio correspóndese cun muiño en Ponte Lema.

Castañeda e Ribadiso no cupón da ONCE

Os días 28, 29 e 30 de xuño de 2010 os cupóns da Organización Nacional de Cegos (ONCE) estiveron adicados a Arzúa, concretamente:

  • 28 de xuño 2010, A Castañeda, Arzúa, 45 km
  • 29 de xuño 2010, Ribadiso, Arzúa, 42 km
  • 30 de xuño 2010, Ponte sobre o río Iso, 39 km