Os ríos da comarca de Arzúa na guía de A Nosa Terra

Na colección “As comarcas de Galiza, patrimonio natural” a editorial A Nosa Terra publicou en 2009 un volume adicado a Arzúa e firmado polo “Equipo Xea”. Recollemos aquí o que dí ese libro con ISBN 9788483414002 no apartado “Os Ríos”.

A comarca está repartida nas concas fluviais do Tambre, ao norte, e do Ulla, ao sur.

O Ulla é o río con máis percorrido e coa conca máis grande. Fai de linde polo sur coa provincia de Pontevedra cun trazado E-O e recibe numerosos afluentes que discorren de norte a sur.

O Tambre en Boimorto

O Tambre fai de linde polo norte, cun trazado NE-SO e recibe varios afluentes de curto percorrido que circulan de leste a oeste.

Ponte Medieval sobre o Iso en Ribadiso (Arzúa), no Camiño de Santiago

En xeral os vales dos ríos son abertos e de perfís suaves agás o último tramo do Tambre que se encaixa despois do encoro de Portodemouros e recibe varios afluentes con fortes desniveis onde abondan os rápidos, as pozas e as fervenzas.

Cáncaro (Primula Vulgaris) unha planta común nos lugares sombrizos beira dos ríos

No contorno dos ríos consérvanse excelentes bosques de ribeira cunha gran biodiversidade e espazos acondicionados como áreas recreativas ou para facer rutas de sendeirismo. Tamén hai varios coutos de pesca e numerosos muiños.

Fervenza Salto das Pombas no río Lañas, afluente do Ulla. Por todo o val do Ulla na comarca abundan os saltos, rápidos e fervenzas que se forman nos afluentes que caen polas abas de gran desnivel

Os ríos Tambre e Ulla e varios dos seus afluentes están protexidos nos LICs “Río Tambre” e “Sistema fluvial Ulla-Deza”.

Río Tambre
Despois de nacer na Serra do Bocelo o Tambre discorre lentamente no seu curso alto para encaixarse literalmente no seu curso medio e ir fondamente encaixado no tramo final do seu percorrido. Desemboca en Ponte Nafonso, na Ría de Noia, despois de 124,5 km.

Presenta augas altas de decembro a marzo e estiaxe en agosto.

Nesta comarca recolle augas dos concellos de Boimorto, Arzúa e O Pino.

Recibe pola esquerda o Pequeno, Noa e Mera.

O Tambre entre Boimorto e Mesía, no couto de pesca de Ponte Castro, onde se atopa unha área recreativa

O Tambre é un dos poucos ríos galegos onde se atopa a Macromia Splendens, un cabalo do demo en perigo de extinción en toda Europa.

Está protexido no LIC “Río Tambre”.

Estripo en flor na ribeira do Tambre
O Tambre entre Brates (Boimorto) e Añás (Frades)
O Tambre entre Pastor (O Pino) e Ponte Carreira (Frades)
A ouca ou herba da prata (Ranunculus peltatus) é unha planta que vive mergullada e enche de cor branca a superficie do río cando florece.
Área recreativa de Aiazo, entre O Pino e Frades

Río Mera
Nace nos lindes entre Boimorto e Arzúa, percorre terreos de Arzúa, e O Pino e xúntase ao Tambre na parroquia do Pino. Parte do su curso está protexido no LIC Río Tambre.

Río Mera no Pino
Ponte Penide, unha obra de orixe romana sobre o río Mera

Río Ulla
Nace no monte Picouzo, entre as parroquias de Ansar (Taboada) Viloide e Os Ferreiros (Monterroso) e Olveda (Antas de Ulla) e forman as súas cabeceiras o Sucastro, Ribeira e Ermida.

Encoro de Portodemouros en Arzúa
Probas de piragüismo no encoro de Portodemouros

Percorre varias comarcas, ás que lle dá nome; a Ulloa, a Ulla e o Ullán e desemboca na ría de Arousa, entre Padrón e Pontecesures, despois de 132 k de percorrido. Recibe pola dereita o Boente, Iso (co Brandeso), Lañas e Brandelos.

Restos dunha antiga central eléctrica en Ponte San Xusto (Touro). Nas proximidades pódese facer unha ruta de sendeirismo que discorre pola parroquia de Calvos e que pasa pola ferveza de Rosende e percorre parte do canón do Ulla.

Na comarca drena, cunto cos seus afluentes, os concellos de Arzúa, O Pino e Touro.

Está encorado en Portodemouros e unha pequena parte forma parte do LIC “Sistema Fluvial Ulla-Deza”.

O Ulla en Ponte Basebe (Novefontes) entre Touro e Vila de Cruces
Pozo do Pego en San Pedro da Ribeira (Touro),
Desde San Pedro da Ribeira pódese percorrer a beira do Ulla pola “Ruta do Ulla”, ate Ponte Basebe pasando por fermosos recunchos do río, amplas áreas de bosque, dúas fervenzas e varios muiños.
Avelairas no bosque do Pego, no val de Ulla
Bosque do Pego. Ocupa unha ampla extensión na beira do Ulla nas parroquias de Ribeira e Fao, do concello de Touro. No seu interior atopanse antigas ouriceiras, testemuñas de épocas nas que se cultivaban castiñeiros.
Libeliñas ou gaiteiros. Macho (azul) e femia (verde) de Calopteryx Splendes. Viven en zonas asolladas e con vexetación na beira dos ríos. O desenvolvemento das larvas dentro das augas dua dous anos.
O Ulla en Remesquide
O río Boente entre Arzúa e Santiso. O río Boente nace no Couto do Vieiro, en Melide e circula en dirección norte-sur facendo en parte de linde entre os concellos de Arzúa e Santiso. Xúntase ao Ulla no encoro de Portodemouros.

Río Iso
Nace na aba oeste dos montes do Bocelo e Boimorto, percorre o concello de Arzúa de norte a sur e xúntase ao Ulla no encoro de Portodemouros. Os principais afluentes son o Rigueiro, Rendal, Ribeiral e Boente, pola dereita, e Fondo e Brandeso pola esquerda.

Muiño á beira do Boente, en Arzúa
O río Iso en Boimorto
O río Iso na área recreativa de Ribadiso (Arzúa)
O río Brandeso, chamado Pandelos no curso alto, é o principal afluente do Iso pola esquerda. Ten todo o seu percorrido polos terreos de Arzúa e xúntase ao Isos nas proximidades do encoro de Portodemouros.
Ermida da Fontesanta, a carón do Río Brandeso.

“Todos á xunta, como a música de Arzúa” e outros ditos

No capítulo 191 do programa da TVG Ben Falado, logo de ocuparse da orixe do topónimo “Arzúa”, Xesús Ferro Ruibal fala, dende a praza da Quintana de Compostela, durante unhos 50 segundos dos ditos de Arzúa. Aquí queda o vídeo e a súa transcripción.

Se lles digo a miña verdade, cando me puxen a mirar os ditos de Arzúa sorprendeume en cantos sitios de Galicia xente de Arzúa e sinónimo de xente informal, xente de pouco fiar. E sorprendeume por que cando eu era pequeno, aquí en Santiago, Arzúa era o prototipo da boa harmonía: diciamos “todos á xunta como a música de Arzúa”.

Arzúa é importante, por que vostedes saben que Xan de Arzúa é personaxe principal da procesión do Corpus de Allariz e cando se estaba construíndo esta catedral cada peregrino traía cadansúa pedra para axudar á construción e hai unha cantiga de Arzúa que di “se a pedra é de Triacastela mira de hasta Arzúa poder con ela de alí a Santiago levarana nun carro para calear o templo de Santiago”. Abur.

O topónimo Arzúa en Ben Falado

Hoxe compartimos un vídeo que recolle un fragmento do capítulo 191 do programa da TVG, “Ben Falado”, no que se comenta con detalle a posible orixe do topónimo “Arzúa”.

Aquí queda o devandito vídeo, e a continuación a transcrición do seu audio..

O Códice Calixtino do Século XII, describindo o Camiño de Santiago, cando pasa por Arzúa, non anota este topónimo. Menta “Sanctus Iacobus de Boento”, “Castaniola”, “Vilanova” e “Ferreras”, pero todos os especialistas cadran en asegurar que esa “Vilanova” situada entre as parroquias de Castañeda e Ferreiros é a vila de Arzúa, aínda que hoxe non haxa nesta zona Vilanova ningunha. Ese nome de “Vilanova” dinos que no tempo do Códice Calixtino a Arzúa primitiva medrara e creara un barrio novo, e é normal que o camiño pasase por onde nese momento había máis vida. As guías francesas do Camiño aínda seguen mentando os dous nomes ata o século XVIII: “Arzúa chamada Vilanova”, pero co tempo o nome antigo de Arzúa englobou tamén a Vilanova.

Arzúa rima con topónimos como Eirexúa, Ferreirúa, Pereirúa e Folgueirua, que son diminutivos de Eirexa, Ferreira, Pereira e Folgueira. Así que, Arzúa debería ser diminutivo de Arcia, un lugar que existiu na parroquia arzuán de Lema, de feito figura Arzola nun documento de 978 e a forma actual Arzúa xa aparece nun documento do 1283, pero ¿de onde virá ese diminutivo Arzola? Houbo quen o quixo emparentar coa palabra basca “artza”, que significa pedregal, pero parece máis atinado consideralo unha evolución de “Arciola”, que sería irmán de “Arcela”, un diminutivo de Arca, polo tanto Arzúa significaría unha arca pequena ou unha arquiña, un dos nomes galegos do bretón Dolmen.