San Estevo de Pantiñobre na guía de Aurelio Cacheda

Na guía que publicou Everest en 1987 (Arzúa no Camiño de Santiago, Eduardo Aurelio Cacheda Vigide, ISBN 98424199219) pódese ler o seguinte da parroquia de San Estevo de Pantiñobre (páxina 112):

A catro quilómetros de Arzúa, seguindo a estrada que vai a Vila de Cruces, desviándose á altura de Carballos Altos, está a parroquia de Pantiñobre, coa súa poboación distribuída nos lugares de Corredoiras, Curuxeiras, Devesa, Fondevila, Igrexa, Pantiñobre, Pedride, Pousada, Pumar, Rial, A Riba, Sixto, Transfontao e Vilar.

Dúas casas señorais existiron nesta parroquia, unha no lugar de Fondevila, que pertenceu á familia Mella, e outra no da Riba, que foi dos señores Vázquez de Aguiar e da que ainda hoxe se conserva a capela, agora dedicada a Santa Marta.

A igrexa parroquial, que data de finais do século XVIII, sufriu varias modificacións e reformas. É de cachotería con pináculos de adorno nas esquinas da fachada principal e espadana de pedra granítica.

Nunha fermosa fraga, preto do lugar de Sixto, está a capela de San Xoán de Navás. Ainda que non se conserva documentación escrita, existe unha tradición moi viva na parroquia que sitúa a orixe desta capela no ano 1804. Foi edificada por mandato dunha pastora de Bustelo, da aldea de Navás (de aí o seu nome), que perdera o seu rabaño de ovellas e fixera a promesa de que onde o atopase erguería unha capela á horna de San Xoan Bautista. O rabaño foi achado preto da aldea de Sixto e alí mandou edifica-la capela.

Unha variante desta tradición afirma que a pastora, estando co rabaño de ovellas, foi sorprendida por unha grande treboada de pedrazo e, ante o perigo de que as súas ovellas quedasen totalmente minguadas, fixolle a promesa de edificar-a capela a San Xoán se a salvaba. E conta a tradición que as ovellas se achegaron todas ó seu redor nese espacio, onde despois se edificou a capela, sen que as afectase nada a treboada.

A capela é de cachotería cun pequeno pórtico á súa entrada sostido por dúas sinxelas columnas de granito. O retablo, de estilo barroco, ten as imaxes de San Xoán Bautista, San Pedro e San Gregorio.

Nunha fonte que hai a beira da capela, que, segundo se di, bota máis auga no verán que no inverno, aínda é tradición hoxe en día vir lava-la cara o amencer do día de San Xoán, para evita-los sarabullos da mesma.

Ademais da festa de San Xoán celébranse nesta capela outros actos relixiosos (misas e novenas), que son encargados expresamente por persoas devotas en cumprimento dalguha promesa e, sobre todo, para pedi-la protección do santo sobre as colleitas e o gando.

Tronceda, Santa María na guía de Everest “Arzúa no Camiño de Santiago”

Eduardo Aurelio Cacheda Vigide ocupouse na súa guía “Arzúa no Camiño de Santiago”, publicada por Everest no ano 1987 (edición en castelán), das 22 parroquias do concello de Arzúa unha por unha. De Santa María de Tronceda di, na páxina 118 da edición en galego:

Case asulagada pola presa de Portodemouros, só quedan á beira esquerda da mesma dous lugares desta parroquia: Tronceda Nova e Tronceda Vella. Permanece tamén a súa igrexa parroquial construída en cachotería e de escaso valor artístico.

A “reducida” parroquia de Tronceda é hoxe un fermoso miradoiro dende o que se poden contemplar unhas marabillosas paisaxes a ámbolos dous lados da presa.

Calvos de Sobrecamiño, San Martiño na guía de Everest

A guía que publicou Everest no ano 1987 “Arzúa no camiño de Santiago”, adica un breve comentario a cada unha das parroquias do concello. Hoxe reproducimos o que dí sobre Calvos de Sobrecamiño (páxina 88):

O seu nome de “Sobrecamiño” é unha clara alusión ó Camiño de Santiago, na beira do cal está situada esta parroquia, a poucos quilometros de Arzúa. Os seus lugares máis importantes son os de Calvos, Codeseira, Fontesagrada, Igrexa, Mañas, Muiños, Orxal, Pena, Sebio, Sesar, Soutullo, Torre, Tras do Río e Xibeirós.

A igrexa parroquial, do século XVIII representa unha interesante arquitectura, na que se combinan elementos de cantería de granito e cachotería de pedra pizarrosa, habilmente moldurada. Na fachada principal unha porta con orellas, fornelo con vieira e remate da espadana de granito con pináculos.

Do seu retablo maior queda a imaxe da Asunción, de grande interese. Nas capelas laterais hai dous importantes e fermosos retablos, de estilo rococó, con moitos elementos do barroco de placas; decoración moi abundante nos seus entaboamentos e estípites. Destaca a harmoniosa arquitectura que se logrou no conxunto do sagrario co expositor. Son do século XVIII e dunha calidade moi superior ó común nas igrexas rurais.

No lugar do Orxal hai unha casa señorial do século XVII, da que se conserva a capela, rodeada dunha extensa finca agrícola. Este pazo pertenceu á familia Llamas, da que ainda existe o escudo entre os restos do pazo.

Frente á capela do pazo hai un cruceiro de pedra granito asentado sobre unha base de tres chanzos, con pé piramidal, vara de 2,20 m de altura, que é de sección cadrada con arestas matadas. O capital é de cesta con querubíns en cada unha das súas caras. A cruz florenzada posúe as imaxes do crucificado e da Virxe Dolorosa.

Calvos: Igrexa parroquial

Brandeso, San Lourenzo na guía de Everest de 1987

Brandeso: retablo do Socorro

A continuación transcribimos as páxinas 80 a 82 da guía editada por Everest e o Concello de Arzúa, primeiro en castelán (1987) e logo en galego (1988), escrita por Eduardo Aurelio Cacheda Vigide e que leva por titulo “Arzúa no Camiño de Santiago”:

Seguindo a estrada de Arzúa a Vila de Cruces, ó pasármo-lo río Iso, atopámo-la parroquia de Brandeso. Os seus 179 habitantes viven repartidos nos lugares de Bustelo, Campos, Casal de Abaixo, Casal de Arriba, Cimadevila, Cubelo, Garmalla, Igrexa, Monteiros e Piñeiro.

A súa igrexa parroquial é do século XVIII, construída de canteria e cachotería, con remates de pináculos estirados, tanto na súa fachada como no segundo corpo da espadana. O retablo maior é de finais do século XVIII con algún detalle rococó. Nel hai dúas imaxes (San Ramón e San Buenaventura, ámbolos dous vestidos de Cardeal) de grande calidade e pouco frecuentes nas igrexas rurais. Son do século XVIII.

Pero a xoia artística do templo constitúea o retablo da Virxe do Socorro, da escola de Ferreiro, de orde xónica con pilastras e belas columnas. Na fornelo central hai unha fermosa imaxe da Virxe do Socorro, derivación doutra da mesma advocación conservada en San Martín Pinario de Santiago. Tamén son de notable interese as imaxes de San Antonio e de San Roque, situadas no mesmo retablo.

Na mesma parroquia e moi preto da igrexa, está o pazo de Brandeso que, pola súa arquitectura, é un dos máis notables da provincia da Coruña. Dende a estrada accedese ó pazo e finca que o rodea, a través dun enorme portal co escudo da familia. O edificio, de planta rectangular, é dos séculos XVII, XVIII e XIX, con restos de antigas torres. No centro un grande tímpano co escudo dos Aguilar coa súa aguia explaiada, Mosquera (cinco cabezas de lobo en sotuer) e Montero que contén unha árbore cun can atado e unhas chaves adosadas ó toro.

É de cachotería ó aire, sen revestimento e co coroamento da fachada a base de merlóns.

Frente ó pazo está a capela que foi construía no 1544 e reformada no 1664. É de salienta-lo conxunto axardinado que rodea o pazo e a capela.

Poida que atraído pola sonoridade ou pola musicalidade do nome, Valle Inclán adoptou o do pazo de Brandeso, trocándolle unicamente o nome de San Lourenzo polo de San Clemente, para escenario no que habían de acontece-los amores do marqués de Bradomín coa pobre concha, na súa “Sonata de Otoño”.

Os titulares do pazo chegaron a posuir grandes propiedades de terra en Brandeso e Dombodán, cunha renda anual que superaba os quince mil ferrados.

Unhas 45 ha. destas posesións, especialmente as que rodean o pazo, están hoxe dedicadas a unha plantación intensiva de árbores froiteiras, maceiras e pereiras.

A propiedade do pazo é da familia Gasset.

Pazo de Brandeso

Oíns, San Cosme na guía de Everest “Arzúa no camiño de Santiago”

Igrexa de San Cosme de Oíns (Arzúa)

Reproducimos as páxinas 111 e 112 do libro “Arzúa no camiño de Santiago”, editada por Everest e o Concello de Arzúa, primeiro en castelán (1987) e logo en galego (1988) e escrita por Eduardo Aurelio Cacheda Vigide:

É a parroquia de meirande extensión do Concello, situado no extremo noroeste do mesmo. Ten a súa poboación distribuída nos lugares de Beis, Ferradal, Filgueira, Fraga, Fruzo, Igrexa, León de Abaixo, León de Arriba, Manedo, Pumar, Seixas e Vilamoura.

No lugar de Fruzo existe unha antiga fortaleza, transformada en pazo no século XVIII pola familia Guiráldez. Actualmente é un palacio de boa arquitectura, con escaleira principal de calidade pouco común nos edificios da época. A porta está orlada cunha moldura barroca e debaixo do modillón do aleiro vese o escudo dos Guiráldez, que consiste nunha banda engolada de dragantes e acompañada no alto duha estrela e, abaixo, dun león rampante.

A igrexa parroquial é un edificio moderno, cunha curiosa fachada de inspiración neorromántica, torre moi ebelta con elementos tomados do barroco de placas.

No interior hai un retablo maior, do século XX, derivación de combinacións neorrománticas de Magariños. Os laterais son barrocos, de deseño e corte arquitectónico moi belos, con ricos, volumen e decoración sobria pero de bo gusto. Son do século XVIII.

Boente na guía de Everest “Arzúa no Camiño de Santiago”

Boente: Fonte da Saleta

Reproducimos o texto adicado a Boente, publicado nas páxinas 78 e 79 do libro “Arzúa no camiño de Santiago”, con ISBN 8424199219, escrito por Eduardo Aurelio Cacheda Vigide e publicado polo Concello de Arzúa e Everest no 1987:

Boente, Santiago

Agrupando case toda a súa poboación nos lugares de Boente de Arriba e Boente de Abaixo, con algúns núcleos máis pequenos en Martulo, Outeiro, Pazos e Peroxa, entre Melide e Arzúa, seguindo a estrada de Santiago está a parroquia de Boente.

Sobre o mesmo Camiño de Santiago, a súa igrexa paroquial do século XX foi edificada no mesmo lugar e cos restos dunha igrexa románica do século XII previamente derrubada para construí-la actual. Da igrexa románica quedan dous interesantes capiteis incrustados no exterior do muro plano da cabeceira do edificio actual.

Da antiga igrexa gárdanse certas imaxes de indubidable valor; un Santiago peregrino entronizado, derivación da imaxen pétrea do altar maior da Catedral de Santiago, obra dos principios do século XIX; unha Virxe do Carme e un San Roque, ámbolos dous do século XVIII; a imaxe de San Silvestre é de raíces góticas, dunha arte moi popular e dunha difícil datación cronolóxica.

Case enfrente da igrexa, á outra beira da estrada xeral, hai un cruceiro e unha fonte de granito do século XIX que derivan dos tipos compostelanos. A fonte (da Nosa Señora da Saleta) foi lamentablemente alterada na súa zona central cunha obra de cimento e lousa de mármore branco. O cruceiro ten a base enterrada, pé de fortes chanfráns, vara de arestas matadas e cruz florenzada sen Crucificado.

No lugar de Outeiro existe un antigo pazo que procede dos Sánchez Boado. Despois de pasar por sucesiva xeracións a última representación vincular do mesmo pasou a don José Domínguez Feijoo.

Boente celebra grandes festas na honra do seu patrono, Santiago, os días 25 e 26 de xullo; e tamén da Virxe da Saleta o primeiro domingo de setembro.

As solemnidades destas celebracións son preparadas con moito esmero e coidado, tanto no seu aspecto relixioso coma no de expansión e divertimentos profanos.

Boente: capitel da igrexa románico

Figueiroa, San Paio na guía de Aurelio Cacheda

Transcribimos a continuación o que dí a guía editada por Everest e o Concello de Arzúa no 1988 na súa versión en galego (ISBN 8424199219) nas páxinas 103 e seguintes:

Apartándose en Castañeda da estrada xeral de Lugo a Santiago e seguindo unha estrada comarcal, a dous quilómetros, está a parroquia de Figueiroa, que ten como lugares máis importantes a Carrizal, Curro, Fonte da Prata, Outeiro de Abaixo, Outeiro de Arriba, Sampaio e Vilar.

No lugar de Curro hai un pazo que se coñece co nome de “Casa Grande de Figueiroa” que foi dos Sánchez Vareal e que agora pertence ós Irmáns de San Xoán de Deus. A casona é dos séculos XVII e XVIII e ten os muros de pedra e a súa estructura e a súa estructura é de planta rectangular. Chégase ó patio a través dun fermoso portal. Na fachada sur hai unha escaleira con patamal, que era moi común neste tipo de arquitectura.

A igrexa parroquial é do 1793 e sustituíu a unha antiga igrexa románica da segunda metade do século XII da que non quedan máis ca dous capiteis no muro da porta lateral do adro. A fachada lembra a igrexa de Branzá coa diferencia de que os lados do piñón son rectos.

Pazo de Figueroa

No interior, o retablo maior é de estilo barroco compostelano de estípites, do século XVIII, con sagrario e expositor. A imaxe do titular, San Paio, é do século XIX.

Os retablos laterais son tamén de estilo barroco compostelano, con detalles do barroco de placas.

As imaxes de San Roque, San Alberto e da Virxe do Carmen reponden á imaxinería tipica compostelana so séc. XVIII.

A carón da igrexa, no campo da festa, hai un cruceiro de granito con base de tres chanzos, pé de chanfráns, vara de arestas matadas, capitel moldurado e cruz florenzada con potencias e sen Crucificado.

Cerrando este mesmo campo da festa hai un castro romano, reliquia histórica destas terras.

Figueiroa: igrexa parroquial