O deputado a cortes por Arzúa, Jacobo Andrés García

O 10 de maio de 1851 houbo eleccións a Cortes, e en Arzúa enfrentaronse Jacobo Andrés García e José Joaquín Barreiro Ferro (deputado do distrito dende 1846). Rexía daquela un sistema de sufraxio censitario, polo que unicamente podían votar 239 persoas en todo o distrito. Acudiron a votar 178, dos cales 134 votaron a Jacobo Andrés García, que foi deputado ata que perdeu o 4 de febreiro de 1853 contra José Joaquín Barreiro. No número 32 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses – Museo Terra de Melide, publicouse o artigo “Deputados a Cortes polo Distrito de Arzúa (1846-1923), obra de Armando F. Cascón Rodríguez e Fernando Suárez Golán, e no apartado adicado o deputado que nos ocupa hoxe pódese ler:

En xaneiro de 1851 formouse o gabinete presidido por Bravo Murillo, que se propoñía deixar a un lado a política para centrarse na legalidade e a economía. Sen embargo, a oposición que atopou no Congreso obrigouno a disolver as Cortes e convocar eleccións para o 10 de maio, nas que os progresistas decidiron tomar parte activa. Polo Distrito de Arzúa resultou elixido Jacobo de Andrés García, avogado compostelán, quen interrompía así, de xeito momentáneo, a carreira política de José Joaquín Barreiro, quen fora elixido nas dúas contendas anteriores e que volvería de novo ao Congreso en 1853, como queda dito.

Jacobo de Andrés era doutor en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e, segundo Barreiro Fernández, na propaganda electoral apareceu como catedrático desta mesma universidade, se ben probablemente o fose da de Madrid, cidade na que residía dende 1829. A de 1851 foi a súa primeira lexislatura no Congreso, no cal apenas tivo participación algunha. Repetiría en 1857, xa polo Distrito de Carballo.